Vintecinco espectáculos danlle forma ao cartel da 35ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
A organización presentou hoxe a programación que arrancará o 29 de xuño co pregón inaugural de Tatán e a representación de Divinas Palabras Revolution polo Centro Dramático Galego
O encontro desenvolve unha ampla oferta de actividades paralelas, entre as que destacan as XVIII Xornadas Mulleres en Acción, dedicadas ás artes vivas e visuais
A representación de Divinas Palabras Revolution, última produción propia do Centro Dramático Galego (CDG), e mais o pregón inaugural de Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” abrirán o venres 29 de xuño a trixésimo quinta edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
A organización do encontro avanzou hoxe a programación que se estenderá durante 10 días por diferentes espazos da localidade cuns 25 espectáculos e unha ampla oferta de actividades complementarias.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación, na que definiu a mostra como “un dos certames máis emblemáticos para a difusión tanto do teatro galego como o de fóra de Galicia”. Interviñeron tamén Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Juan Rivas, presidente do Consello Territorial de la SGAE en Galicia, e os representantes da organización da mostra, promovida polo Concello, a Asociación Cultural Xiria e Ningures Produción.
Na súa intervención, Sutil subliñou que a cita canguesa ten tamén outros destacados valores engadidos como as actividades formativas, a complicidade con empresas e entidades locais ou o compromiso cos colectivos culturais de base, así como a súa especial dedicación ás mulleres do teatro e a súa constancia a prol da igualdade, ámbitos estes últimos nos que é un festival pioneiro.
Mulleres en Acción
De feito, o programa de 2018 acolle a celebración das XVIII Xornadas Mulleres en Acción, que estarán especialmente centradas nas profesionais das artes vivas e visuais. Tamén se lle renderá unha homenaxe póstuma á artista María Mazás, autora da obra na que se inspira o cartel desta edición, ademais de se lle facer entrega do Premio Xiria ao labor teatral á actriz Mabel Rivera e do Premio Mulleres en Acción á investigadora e profesora universitaria Asunción Bernárdez Rodal.
Jacobo Sutil explicou que a Agadic vén apoiando a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo nos últimos anos mediante a concesión dunha subvención a través da convocatoria especificamente destinada aos festivais escénicos galegos, “unha liña de axudas dotada este ano con 180.000 euros e que recoñece a importancia e as posibilidades dinamizadoras deste tipo de eventos”. “Gustaríame incidir precisamente no carácter estratéxico dun certame destas características, cuxa relevancia vai máis alá do estritamente artístico. De feito, xunto co seu importante labor de proxección da actualidade teatral ou o seu indiscutible papel na creación de públicos, non podemos esquecer o positivo impacto na economía local”, continuou.
Estreas
A programación completa desta trixésimo quinta edición xa está dispoñible no web www.mostrateatrocangas.org. Nel, figuran outras 11 compañías galegas, ademais do CDG, das que dúas estrean aquí os seus novos espectáculos: Xarope Tulú con Nómades –que se está a ultimar no Salón Teatro de Santiago dentro do programa En Residencia do Centro Dramático Galego– e Casilda Alfaro e Adrián Ríos con Silda & Hadrián, en coprodución coa mostra de Cangas.
Ademais, o público galego terá a oportunidade de gozar coas últimas propostas dunha ducia de formacións chegadas do resto de España e doutros países como Portugal, Italia ou República Checa. Entre estas montaxes, será estrea absoluta Jazz Bodas de Fígaro, da compañía catalá Vania Produccións, baixo a dirección de Paco Mir, mentres que a checa Waxming Theatre representará por primeira vez en España Loutkovistěe haberá outras tres estreas en Galicia da man de Luccettino (Italia), Lanördika Circo y Danza (Andalucía) e Mireia Miracle (Cataluña).
-Mostra de Teatro Cómico e Festivo