Román Rodríguez sitúa a serie internacional '3 Caminos' como 'a gran aposta audiovisual da Xunta para o Xacobeo 2021'
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participou hoxe na rolda de prensa de presentación do proxecto xunto aos seus responsables e o elenco
Salienta a oportunidade que supón o proxecto da produtora galega Ficción Producciones para levar o Camiño a 240 territorios con Amazon Prime Video
3 Caminos, que se estrea este venres 22 de xaneiro, conta cunha achega de 1,5M por parte da Xunta a través dunha convocatoria impulsada polo Ano Santo
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na rolda de prensa de presentación da serie 3 Caminos que se estreará o vindeiro 22 de xaneiro e que levará os valores do Camiño de Santiago en 240 territorios de man de Amazon Prime Video. Trátase dun proxecto da produtora galega Ficción Producciones, que conta co apoio do Goberno autonómico a través dunha achega de 1,5M€ e que reflicte, tal e como salientou o titular de Cultura da Xunta, o bo momento que está a vivir o sector audiovisual galego.
Así, Román Rodríguez referiuse á serie como “a gran aposta audiovisual do Goberno galego polo Xacobeo 2021”, e puxo en valor o compromiso da Xunta co sector e os éxitos que os profesionais galegos están conseguindo tanto a nivel nacional como internacional. En particular, felicitou ao equipo técnico e artístico da serie, e aos seus responsables, “por ser quen de culminar este proxecto en tempo, a pesares de que a pandemia interrompeu a rodaxe” no mes de marzo. Con “esforzo e determinación”, dixo, 3 Caminos “foi un dos primeiros proxectos audiovisuais que retomou a súa actividade tras a parada obrigada pola crise sanitaria respectando os protocolos sanitarios”.
O conselleiro lembrou que o sector audiovisual “sempre terá un aliado na Xunta para promocionar os seus proxectos”. Así o reflicte o apoio feito a 3 Caminos, que conta cunha achega de 1,5M€ por parte do Goberno galego a través dunha convocatoria creada polo Ano Santo para difundir os valores do Camiño e a imaxe de Galicia en todo o mundo. Cómpre salientar tamén que a serie levouse a cabo cuns servizos de produción 100% galegos e que o 80% do persoal técnico procede da Comunidade. Ademais, estímase que o proxecto chegará a unha audiencia potencial de 200 millóns de persoas.
Socios internacionais de Galicia
A adxudicataria desta convocatoria pública impulsada pola Xunta foi a empresa galega Ficción Producciones, que acadou a implicación de compañías internacionais referentes no sector como Amazon Prime Video e o grupo alemán Beta Films, ademais da CRTVG e coprodutores doutros catro países: Italia, Corea do Sur, México e Portugal, coa Radio Televisión de Portugal (RTP) e a produtora Cinemate.
Precisamente, Román Rodríguez salientou a implicación internacional neste proxecto o que permite “difundir os valores da Ruta Xacobea en novos mercados, así como atraer públicos diversos da man dalgunhas das compañías máis recoñecidas no audiovisual”.
Ademais de colaboradores internacionais, o proxecto ten cun elenco de primeiro nivel protagonizado polos actores Álex González, Cecilia Suárez, Verónica Echegui, Anna Schimrigk, Andrea Bosca e Alberto Jo Lee, protagonistas da historia que interpretan aos amigos de diferentes nacionalidades unidos polo Camiño de Santiago.
O conselleiro de Cultura da Xunta estivo presente na rolda de prensa xunto coxefe de contidos de Prime Video en España, Ricardo Cabornero; a produtora executiva da serie, Mamen Quintas; o director, o ourensán Tito López Amado, e os protagonistas da serie. O responsable de conducir o acto foi o actor Luis Zahera, que tamén forma parte do reparto.
Tres momentos, un Camiño
Os espectadores, que a partir do 22 de xaneiro poderán desfrutar de 3 Caminos na plataforma de Amazon, asistirán á transformación e o crecemento persoal de cada un dos personaxes e verán como o paso do tempo vai modificando os soños, tecendo e destecendo parellas e amizades, e transformando as personalidades dos cinco en tres momentos concretos, 2000, 2006 e 2021, nos que compartiron peregrinación.
A serie, que amosa as paisaxes e o patrimonio cultural galego, farase eco das miles de vivencias que se suceden cada ano ao longo do Camiño, que dalgún xeito se converte nun protagonista máis desta ficción. Trátase dunha serie feel good que busca resaltar os valores e as bondades dunha ruta de peregrinación que une as culturas e as realidades máis diversas nun espazo con infindas oportunidades de intercambio.