Marcelo Expósito, Luis López Carrasco e Álvaro Orús presentan os seus traballos no CGAI con cadanseu coloquio co público
A cinemateca da Xunta adianta os horarios da sesión de 143.353 (Los ojos no quieren estar siempre cerrados), que terá lugar mañá ás 19,00 h., e do primeiro pase do documental El año del descubrimiento, o xoves 28 ás 17,30 h.
Este sábado a sala do Centro Galego de Artes da Imaxe volverá proxectar a película Sempre Xonxa, sobre a que falará Xosé Ramón Gayoso dentro da sección Pensando en cine, pensando en Galicia
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) contará co artista Marcelo Expósito e cos cineastas Luis López Carrasco e Álvaro Orús para os seus tres próximos coloquios cinematográficos, nos que a cinemateca da Xunta lle ofrece ao público a oportunidade de compartir impresións cos autores das fitas que exhibe na súa sede da Coruña.
Mañá mesmo terá lugar o encontro con Marcelo Expósito a raíz da proxección da súa obra 143.353 (Los ojos no quieren estar siempre cerrados), nunha sesión que dará comezo ás 19,00 h., adiantándose media hora sobre o horario inicialmente previsto para se adaptar as medidas sanitarias en vigor.
Artista, crítico cultural, escritor, docente, activista e político, o traballo de Expósito exhíbese regularmente en festivais, exposicións, encontros e institucións culturais de todo o mundo. O proxecto audiovisual que presenta mañá no CGAI foi producido inicialmente como instalación para a mostra Principio Potosí, que o Museo Reina Sofía de Madrid inaugurou en 2010 e que tiña como un dos seus fíos condutores a conexión entre modernización e colonialismo. Así, 143.353 (Los ojos no quieren estar siempre cerrados) pon en contraposición un percorrido histórico polas representacións visuais dos conflitos políticos e relixiosos en España ao longo dos séculos cunha detallada documentación do traballo de exhumación dunha gran fosa común en Cuenca correspondente aos primeiros anos da ditadura franquista.
Aplauso da crítica
Tamén modifica o seu horario a sesión do documental El año del descubrimiento (na imaxe), que poderá verse o xoves 28 ás 17,30 h. e durante a que o CGAI conectará en liña co seu director, o realizador murciano Luis López Carrasco. Este novo traballo do autor de El futuro, considerado como unha figura única do cinema español, chega ás salas precedido dos premios nos festivais Cinéma du Réel de París, Bogotá, Toulouse ou Jeonju, así como do aplauso da crítica, que mesmo o definiu como o mellor filme español do ano.
A fita sitúase en 1992, o ano das Olimpíadas de Barcelona e da Expo de Sevilla, pero partindo dun suceso diametralmente oposto e pouco lembrado: a queima do Parlamento murciano durante unha manifestación en contra do peche de varias empresas de Cartaxena. A reconstrución deste episodio dálle pé ao realizador para afondar nas crises económicas e laborais vividas nas últimas décadas tanto na súa Comunidade como no resto de España. O Centro Galego de Artes da Imaxe ofrecerá un segundo pase de El año del descubrimiento o día 5 de febreiro.
O director aragonés Álvaro Orús presentará na Coruña outro documental: El principio del fin de las armas nucleares, programado para o venres 29, ás 19,30 h. Recóllense nel numerosos testemuños sobre a historia da ameaza nuclear a nivel mundial, os movementos na súa contra e os esforzos para incorporar ao dereito internacional o Tratado sobre a prohibición das armas nucleares, asinado en 2017 por 122 países. Xunto co seu director, participará neste coloquio Marisa Fernández, presidenta da Asociación Mundo Sen Guerras.
Outro dos encontros co público do CGAI será o que protagonizará este sábado 23, ás 18,00 h. o emblemático presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso, convidado para unha nova entrega da sección Pensando en cine, pensando en Galicia. Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, é a película elixida para a súa exhibición e posterior coloquio.
Tanto estas catro sesións, como o resto das programadas estes días na sede da filmoteca galega, son de entrada gratuíta e con capacidade limitada a 25 persoas en cumprimento das medidas sanitarias.