Share

A Rede Galega de Teatros e Auditorios promove sete das funcións da nova carteleira do Teatro Principal de Ourense

‘Curva España’, de Chévere, e ‘Dúas donas que bailan’, de Teatro do Atlántico, son as propostas galegas incluídas no espazo ourensán como parte do circuíto da Consellería de Cultura e Turismo

A Rede Galega de Teatros e Auditorios promove sete das funcións da nova carteleira do Teatro Principal de Ourense

O Teatro Principal de Ourense presentou hoxe a carteleira que ten preparada para o primeiro semestre de 2020, durante o que acollerá máis de 40 citas co teatro, a danza e a música. Entre elas, sete funcións programadas dentro da oferta da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), impulsada pola Xunta de Galicia e da que o espazo ourensán é socio desde a posta en marcha do circuíto hai máis de 20 anos.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen participou nesta presentación xunto a Armando Ojea, vicepresidente segundo da Deputación Provincial de Ourense, e Olga Mojón, directora do Teatro Principal, explicou que a Rede Galega de Teatros e Auditorios é unha ferramenta fundamental na distribución de artes escénicas e musicais producidas en Galicia. “Trátase dun mecanismo profesional para a contratación e circulación de espectáculos, maioritariamente galegos, por toda a Comunidade, que mantemos durante todo o ano desde a Xunta de Galicia e xestionamos coas entidades locais implicadas”, explicou.
 
Neste sentido, o responsable da Agadic fixo un primeiro balance de 2019, ano durante o que o circuíto contou cun orzamento de 1,48 millóns de euros, cofinanciado entre a Consellería de Cultura e Turismo e os espazos asociados, para levar a cabo unha programación de 554 funcións de teatro, música, danza, novo circo e maxia en 39 localidades das catro provincias.
 
En canto á oferta do primeiro semestre de 2020 no Teatro Principal, Sutil fixo fincapé en dous espectáculos galegos que se representarán xa nos primeiros meses “como entrega inicial dunha programación dedicada máis intensamente ao noso teatro na segunda metade do ano”. O primeiro deles será Curva España, a última proposta de Chévere, que se move entre rexistros do teatro-documento e a ficción dramática e que poderá verse os días 24 e 25 de xaneiro. En febreiro, o día 15 será a quenda de Teatro do Atlántico con Dúas donas que bailan, que levan a escena María Barcala e María Ángeles Iglesias.
 
Así mesmo, e tamén dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o escenario da rúa da Paz recibirá outras destacadas producións de fóra de Galicia, como Jauría, de El Pavón Teatro Kamikaze, que chegará a Ourense o 14 de marzo e que acaba de obter o premio do público no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Ademais, Emilia Yagüe Producciones presentará Mestiza o 8 de febreiro; Unahoramenos Producciones, Ana, también a nosotros nos llevará el olvido o 19 de abril, e Check-In Producciones, Prostitución o 29 de maio.

-Teatro Principal