A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle cinco espectáculos á programación do vindeiro semestre do Teatro Principal de Ourense
- O circuíto autonómico cofinanciado pola Xunta de Galicia pechará 2025 con 560 funcións ofrecidas por 198 formacións profesionais en 43 concellos
- Na cidade das Burgas poderán verse as montaxes As desterradas, Vacanal sinfónica, Los dos hidalgos de Verona, Ictus e Transeúnte como parte desta oferta
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Xunta mantén en colaboración con máis de 40 entidades locais das catro provincias, achegaralle ao Teatro Principal de Ourense cinco espectáculos de referencia de compañías galegas e estatais no primeiro semestre de 2026.
Así o explicou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, durante a presentación desta nova carteleira escénica, que de xaneiro a xuño ofrecerá unha trintena de propostas a través das que describe un extenso percorrido polas artes escénicas, combinando teatro, danza, música, ballet, ópera ou circo contemporáneo pensado para unha ampla variedade de públicos.
Sutil, quen compartiu mesa co vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, e coa directora do Teatro Principal, Olga Mojón, lembrou que o Goberno galego vén contribuíndo habitualmente á actividade do espazo ourensán como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “O circuíto autonómico pechará 2025 despois de ter programado 560 actuacións de 198 formacións profesionais en 43 municipios, unha actividade que supuxo un investimento conxunto superior aos 2M €”, explicou, ao tempo que destacou tamén a evolución nos últimos anos en canto ás cifras de público, pasando de máis de 80.000 persoas en 2019 a rebordar 100.000 asistentes en 2024.
O representante da Xunta subliñou que estes datos “evidencian que a Rede funciona como un espazo clave para a circulación da produción escénica galega máis recente”, que nas súas palabras se sustenta tamén na diversidade e calidade das súas propostas.
Teatro, música e danza
A programación apoiada pola Xunta no Teatro Principal de Ourense arranca con As desterradas, de Producións Teatrais Excéntricas, que se porá en escena o 20 de febreiro. A obra, recoñecida co 25º Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, sitúase no século XVI, nun convento ás beiras do Miño ameazado pola cobiza da xerarquía eclesiástica. A partir da resistencia dunha comunidade de mulleres autosuficientes, Carme Varela constrúe un thriller conventual que combina memoria histórica, intriga e perspectiva de xénero, con dirección de Quico Cadaval e cun elenco integrado por Melania Cruz, Patricia Vázquez, Rebeca Montero, Rocío González, María Costas e Víctor Mosqueira.
Tamén en febreiro, o día 27 chega ao Principal Vacanal sinfónica, espectáculo de gran formato co que De Vacas celebra o seu décimo aniversario. A proposta transforma os éxitos do cuarteto nunha ópera contemporánea con arranxos orquestrais e dirección musical de Lucas Rei, acompañada por un orfeón e unha orquestra creada expresamente para esta montaxe.
O 13 de marzo será a quenda de Los dos hidalgos de Verona, coprodución de Lazona, a Compañía Nacional de Teatro Clásico e Cheek by Jowl. Considerada unha das primeiras comedias de Shakespeare, a obra explora as tensións entre amizade e amor no Renacemento tardío e incorpora unha das primeiras figuras do criado cómico que definiría boa parte do teatro do Bardo.
O Teatro Principal recibirá o 17 de abril Ictus (a derradeira leición de anatomía do Dr. Castelao), nova creación de Chévere que indaga na memoria, a identidade e o proceso de reconstruír o que foi esquecido. A protagonista tenta entender por que asistira ao acto institucional no que se recibía o cadro de Castelao A derradeira leición do mestre, punto de partida para unha investigación persoal que une documentos, voces alleas e lembranzas rotas.
A quinta proposta que se poderá ver en Ourense no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios é Transeúnte, que se representará o 30 de abril. A nova peza de Daniel Rodríguez, en coprodución co Centro Coreográfico Galego, reúne catro bailaríns e dous músicos nun diálogo entre danza tradicional, música en directo e linguaxes contemporáneas.