Novos Cinemas abre coa estrea galega de 'As liñas descontinuas' seis días de exhibición e formación audiovisual
A Xunta apoia o certame a través da convocatoria anual de axudas a festivais audiovisuais, que este ano destinou 300.000 euros a dez eventos estratéxicos
A primeira proxección en Galicia do último filme de Anxos Fazáns recibe esta noite o público e ‘Así chegou a noite’, de Ángel Santos, será a película de clausura, dous títulos producidos con subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
O festival Novos Cinemas abriu esta noite en Pontevedra a edición do seu 10ª aniversario coa estrea en Galicia de As liñas descontinuas, o último filme da cineasta marinense Anxos Fazáns con produción de Sétima, que contou con subvención da Xunta de Galicia para a súa realización. Esta é a primeira cita do evento que ata o 14 de decembro se desenvolverá na cidade do Lérez combinando a presenza de voces destacadas do cinema europeo máis emerxente cunha ampla representación galega nas diferentes seccións de exhibición e formación audiovisual.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no acto inaugural que tivo lugar no Teatro Principal, onde subliñou o papel esencial de Novos Cinemas como espazo que aposta polo risco creativo, por poñer a pedagoxía no centro da programación e polo intercambio profesional que lle brinda ao talento galego, así como pola visibilidade que lles dá aos novos formatos e voces do panorama actual. Neste sentido, cualificou o evento de “útil e comprometido”, tanto polo espazo que se lles facilita a todos os axentes profesionais do sector como pola súa conexión polas novas xeracións do audiovisual galego. Lembrou tamén que esta cita forma parte dos certames que cada ano vén apoiando o Goberno galego a través da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais, unha liña que en 2025 distribuíu 300.000 euros entre 10 eventos estratéxicos neste eido.
A actual edición de Novos Cinemas, que entregou a pasada semana o seu I Premio de Cinematografía á directora catalá Carla Simón, celebra a súa década de traxectoria cun amplo programa que continúa a apostar pola unión entre a formación continua, a promoción sectorial e a exhibición cinematográfica como camiños para detectar o talento máis emerxente, tanto o galego como o de fóra da nosa Comunidade.