A Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta leva á cidade de Lugo 12 actuacións artísticas ata decembro
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove durante o segundo semestre do ano 41 funcións e concertos nos seis municipios lucenses asociados a este circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado xunto ás entidades locais

A Xunta de Galicia contribuirá á programación cultural da cidade de Lugo coas 12 actuacións de teatro e danza que terán lugar entre os meses de setembro e decembro no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Na capital lucense, esta nova temporada do circuíto que promove e coordina a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración con preto de 40 entidades locais de toda Galicia, arranca mañá mesmo, ás 20,30 h., no Museo Interactivo da Historia de Lugo con Minguantes, proposta coreográfica da compañía Entremans.
As 11 actuacións restantes corresponden a espectáculos teatrais, tres deles realizados por outras tantas compañías galegas en coprodución co Centro Dramático Galego. Así, o 20 de outubro Ainé Producións ofrecerá Continente María, mentres que O Péndulo, de Inversa Teatro, poderase ver no Auditorio Municipal Gustavo Freire xa o 1 de decembro. A terceira destas coproducións chegará a Lugo o 8 de decembro, día en que aAntena representará Relato para un incendio, a partir do texto de Ernesto Is recoñecido na primeira edición Bolsa de Dramaturxia e Creación coa que a unidade de produción teatral da Xunta procura fomentar a escrita dramática e acompañar todo o proceso de produción dun espectáculo.
Calendario por meses
No mes de outubro, amais de Continente María, a cidade amurallada acollerá outras tres representacións teatrais: a montaxe Golulá, a cargo da compañía especializada en marionetas de gran formato Galitoon, o 16 de outubro; Desconexión, de Títeres Alakrán, o 23 de outubro; e Amantis, o segundo espectáculoda formación Rebordelos, o 27 dese mes.
Xa en novembro, o público lugués poderá asistir ás representacións de El dios del pop, de Diego Anido(día 3); Ragazzo, o primeiro espectáculode Barrosanta(día 10); Diógenes, de Lila Teatro(día 17); A nova historia da cigarra e a formiga, de Teatro del Andamio(día 20) e El Caballero Incerto, de Producciones Come y Calla(o día 24). O programa en decembro resérvase para dúas coproducións do Centro Dramático Galego xa mencionadas: O péndulo e Relato para un incendio.
Da Mariña a Monforte
No marco do programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios, outros cinco municipios lucenses acollen 29 actuacións artísticas no segundo semestre do ano: dúas en Burela, cinco en Monforte de Lemos, unha en Ribadeo, sete en Viveiro e 14 en Foz.
Obras de teatro como CUBO, de Elefante Elegante (29 de outubro); Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro(12 de novembro),ou As fillas bravas de Momán, de Chévere(3 de decembro), poderán verse, entre outras, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro.
Pola súa banda, o Edificio Multiúsos de Monforte de Lemos acollera as representacións de El caballero incierto, de Come y Calla, o 6 de outubro; Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro, o 27 dese mesmo mes; 1888. A señorita Xulia, de Estudio Momento, o día 24 e Alquimia, do Mago Teto, xa o 4 de decembro.
Foz programa ata final do ano espectáculos como SÓS, de Malasombra Producións (20 de outubro); Gloria nacional, de Teatro do Noroeste (28 de outubro), Ninja, de Ghazafelhos (5 de novembro), ou Lambetadas, de Talía Teatro (10 de decembro), entre outros.
Finalmente, Burela recibirá o 5 de novembro a compañía A Panadaría, que representará na Casa da Cultura a súa obra As que limpan, e Ribadeo albergará o espectáculo para público familiar Golulá, de Galitoons, o 23 de outubro.
Máis de 500 actuacións en 2022
A Xunta promove durante este segundo semestre do ano 201 funcións escénicas e concertos en 37 dos municipios adheridos á súa Rede Galega de Teatros e Auditorios, cofinanciada xunto coas entidades locais participantes. Faino grazas á contratación de 90 colectivos e creadores, dos cales 75 pertencen ao ámbito da escena (teatro, danza, novo circo e maxia) e os 15 restantes, ao eido da música.
Para cando finalice 2022, serán máis de 500 as actuacións escénicas e musicais programadas en toda a Comunidade a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.