Share

A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe á programación cultural de Lugo cunha trintena de funcións escénicas e concertos no primeiro semestre do ano

O Auditorio Municipal Gustavo Freire é un dos espazos asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios, que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove xunto a 40 entidades locais máis das catro provincias

Serán 29 as funcións programadas na capital lucense no primeiro semestre do ano grazas a este circuíto autonómico de espectáculos

A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo mañá en Lugo a súa nova programación semestral, na que ata o vindeiro mes de xuño presentará 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos de toda Galicia. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto, que para o ano 2024 conta cun orzamento de preto de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.

En concreto, durante o primeiro semestre actuarán na capital lucense 29 compañías ao abeiro da programación da rede autonómica. Os espectáculos teatrais conforman unha gran parte da programación, con 23 funcións neste primeiro tramo do ano, incluíndo sete propostas perfiladas especialmente para público infantil.

Seis meses de teatro e danza

Inaugura a carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios no escenario do Auditorio Municipal Gustavo Freire a peza Hasta que la muerte nos separe, da produtora Inconstantes Teatro, que subirá ás táboas mañá día 11. Ao longo de xaneiro poderá gozarse no mesmo espazo de O pequeno poni, de Redrum Teatro, producido cunha das subvencións á creación escénica da Xunta, o día 18. Ándale! Bon appétit!, da compañía de teatro de actor e clown Ghazafelhos, poderá verse o día 21; e o 25 pecha a proposta de xaneiro en Lugo Contraproducións co seu Entrega en man. 

Xa en febreiro, terán lugar as representacións de Soños, de Artefeito, o día 1; dúas funcións de Boa sorte, mala fama, de Tarabela Creativa, os días 4 e 5; Asfixia, de Vórtice Escénico, o día 8; A illa da deslembranza, de Artika Cía; o 11, Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro, o 15 de febreiro; e Vía Morta e Castelao, ambas pezas de Culturactiva, os días 22 e 25, respectivamente. 

O 1 de marzo será a representación de Outrora Nós, da compañía Mevadeus, e no mes de abril están programadas as funcións de Cancións amarelas, flores tristes, de Manekineko, o día 4; Iribarne, de ButacaZero o día 11; Monstros, de Producións Teatrais Excéntricas, o día 14; Noso de Os Náufragos o día 18; Mamut, de Markeliñe, o 21; e Made in Galiza, de Sarabela Teatro, o 25. 

No mes de maio será a quenda para as representacións de 4 x 4, de Ron Lalá Teatro, o día 2; ÑAM, de Caramuxo Teatro, o día 5 en sesión de tarde; O auto do Castromil, de Producións Teatrais Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, o 16; e Nanai da china, de Pérez&Fernández, o día 19 de maio. 

En canto ás artes do movemento, grazas ao investimento da Xunta, o Gustavo Freire acollerá un total de seis espectáculos ata o mes de xuño. Donas, de Cali Danza, inaugura este tipo de propostas cunha función o día 14 de xaneiro. Séguenlle Sofá, de Marta Alonso Tejada, o día 26 deste mes; Vaivén, de Marcia Vázquez, o 9 de febreiro, e Millo verde, de Ay Cariño, o 27 de abril. Ceibe, o novo espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza, e Afectos, da Cía. Kirenia Danza, pechan a programación desta disciplina en Lugo para este semestre con funcións o 5 de marzo e 18 de maio, respectivamente.