PT Excéntricas chega á sede do CDG en Santiago con 'Cartoóns', o seu primeiro espectáculo para público familiar
Esta coprodución con Teatro de Adro poderá verse do 30 de outubro ao 3 de novembro no Salón Teatro, onde ofrecerá dous pases matinais para escolares e catro funcións xerais
Víctor Mosqueira e Josito Porto danlles vida aos dous clowns protagonistas desta montaxe, que forma parte da celebración do 15º aniversario da compañía

Producións Teatrais Excéntricas chega esta semana ao Salón Teatro de Santiago para ofrecer cinco días de representacións do seu espectáculo Cartoóns, que supón a primeira incursión da compañía no teatro para público infantil e familiar. Trátase dunha coprodución con Teatro de Adro, que se insire ademais no catálogo de propostas co que Excéntricas está a conmemorar o décimo quinto aniversario da súa creación.
A sede do Centro Dramático Galego (CDG) será o escenario de seis representacións desta montaxe, dúas delas concertadas con centros escolares o mércores 30 e o xoves 31, ás 11,00 h. Pola súa banda, as funcións xerais terán lugar de xoves a sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h. Así mesmo, tras o pase do xoves organizarase un encontro co público durante o que os espectadores terán a oportunidade de coñecer máis sobre o espectáculo e o seu proceso de creación da man do seu equipo.
Víctor Mosqueira dirixe esta comedia, que el mesmo interpreta xunto a Josito Porto. Nela, danlles vida a dous clowns que viven fóra do sistema, rodeados de cartóns. Mais para eles, o que a sociedade considera lixo é unha materia prima moi valiosa para facer todo tipo construcións e aparellos.
A escenografía é de Marcelino de Santiago Kukas, a iluminación de Pepe Quintela e a produción de Rubén G. Pedrero, mentres que Quico Cadaval colaborou neste espectáculo prestando apoio á dirección.
A venda de entradas xa está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, de xoves a sábado, e de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.