Share

Profesionais do deseño de toda España danse cita en Santiago na quinta edición do foro FEED

O director da Agadic asistiu esta tarde á primeira das sesións deste evento bienal, organizado pola Asociación Galega de Deseño (DAG)

Profesionais do deseño de toda España danse cita en Santiago na quinta edición do foro FEED

Santiago de Compostela acolle hoxe e mañá a quinta edición do Foro de Edición e Deseño (FEED), que organiza cada dous anos a Asociación Galega de Deseño (DAG) coa participación de profesionais do sector de toda España. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, interveu no inicio das sesións no Auditorio de Galicia, onde se está a desenvolver o programa de conferencias, mentres que os obradoiros matinais teñen lugar na sede da Fundación DICAC. 
 
 Sutil felicitou a asociación DAG e a súa presidenta, Irene García, pola organización deste evento bienal, que conta coa participación da Xunta. Nel, teñen cabida a aprendizaxe, a reflexión, a innovación e o intercambio profesional, de xeito que se pon o foco no labor deste colectivo creativo, que abrangue tanto o deseño gráfico como o industrial.
 
O responsable da Agadic lembrou que Galicia posúe unha nómina de deseñadores de gran talento, como confirman os premios e recoñecementos conseguidos dentro e fóra da nosa Comunidade. “Malia que os seus nomes poden non ser moi coñecidos entre o gran público, pero que levan a cabo un labor imprescindible na nosa vida cotiá”, sinalou.
 
A diferenciación como elemento clave
O FEED’19 busca dar a coñecer e compartir as experiencias de destacados profesionais do deseño, que apostan pola diferenciación para chegar a un público cada vez máis exixente e con necesidades máis personalizadas. Con este obxectivo, o seu programa inclúe conferencias sobre proxectos de deseño gráfico, deseño de produto, deseño dixital, deseño de estratexia ou deseño de servizos.
 
Estudantes de diferentes escolas de deseño de Galicia asisten tamén a esta quinta edición, que hoxe venres conta coa presenza do galego Artur Galocha, director de arte das revistas Líbero Retina, quen esta mañá impartiu un obradoiro de deseño editorial. É, así mesmo, un dos conferenciantes da sesión de tarde, xunto á deseñadora de tipografías María Ramos e a Carmen Lanza, experta en deseño de espazos interactivos en empresas de ámbito internacional. Esta primeira xornada pecharase coa presentación de proxectos fin de curso dos futuros deseñadores galegos.

O programa de mañá sábado arrancará cun obradoiro de deseño dixital dirixido por Danny Saltaren, cofundador do estudio Mendesaltaren. Pola tarde, os relatorios correrán a cargo de Rocío Martinavarro, quen falará sobre a internacionalización de marcas presentes en diferentes países; Anxo López, quen exporá a súa experiencia como deseñador de servizos e abordará o valor de diferenciación que achega o deseño; Sara Regal, quen lles amosará aos asistentes o traballo que desenvolve con lixo e refugallos; e Dani Bembibre e David Silvosa, cunha conferencia sobre a situación actual do sector. Teresa Jular será a encargada de pechar esta quinta edición como presidenta da Rede Española de Asociacións de Deseño (READ).