Share

Preséntase unha nova edición do catálogo ‘Films from Galicia’ con información sobre 75 producións galegas para cine e televisión

A Axencia Galega das Industrias Culturais comeza a difusión da escolma deste ano no 36º European Film Market que se celebra estes días en paralelo á Berlinale

A publicación, editada en inglés e con versións física e dixital interactiva, ofrece unha panorámica dos traballos máis recentes do noso audiovisual, dos que preto dun 80% contaron con apoio do Goberno galego

A Xunta comeza no European Film Market de Berlín, o mercado paralelo á Berlinale, a promoción do novo catálogo Films from Galicia de 2024, integrado nesta edición por 75 títulos galegos para cine e televisión, dos que preto do 80% contaron con subvención da Xunta a través das principais liñas de axuda ao sector. Clasificadas en longametraxes cinematográficas de ficción, documentais, animación e televisión, 34 das producións xa están rematadas e as 41 restantes están ultimando a fase final para a chegada ás pantallas.

Todas as producións (35 películas de ficción, 24 documentais, seis obras de animación e 10 formatos televisivos) dispoñen da súa propia entrada no catálogo, onde se poden consultar a ficha artística e técnica, a sinopse, a imaxe do cartel, o palmarés e os datos de contacto para a venda e distribución. A publicación, editada en inglés e con versión física e dixital interactiva, irá acompañada dun vídeo para poñer en valor a calidade e a variedade da oferta galega, ademais de contribuír a difundir o nos territorio como escenario de rodaxe. Inclúe tamén unha listaxe cos contactos das compañías produtoras.

A selección de Films from Galicia, resultante dunha convocatoria ao sector para formar parte do devandito catálogo, compleméntase coas curtametraxes que integran Shorts from Galicia, que xa foi publicado baixo a súa propia marca a comezos deste mes de febreiro canda á celebración do Festival de Clermont-Ferrand (Francia).

Ambas escolmas forman parte do programa de internacionalización do noso audiovisual que desenvolve o Goberno galego dentro Plan Xeración Cultura, e serán promovidas ao longo do ano nos principais mercados e feiras internacionais de referencia.