O programa da Xunta 'Cultura no Camiño +' leva 130 actuacións a un centenar de concellos durante o mes de setembro
Desde o seu inicio a mediados de xullo, uns 5400 espectadores gozaron dos máis de 180 concertos e representacións escénicas ofrecidos ata o momento polas máis de 100 formacións artísticas contratadas
As xiras de Carlos Núñez e Odaiko, o novo circo e a danza de Pistacatro, Desastronauts e N+1, o teatro co espectáculo Saaabor! de Culturactiva, ou a maxia de Dani García e Mago Teto foron algunhas das citas destacadas dos pasados meses
Esta versión ampliada do circuíto, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo co patrocinio de Gadis, chegará a preto de 150 municipios ata mediados de outubro

O programa da Xunta Cultura no Camiño+ chega ao seu ecuador tras ter ofrecido desde mediados de xullo máis de 180 concertos e actuacións escénicas en 78 localidades de toda Galicia, onde foron seguidas por uns 5400 espectadores. O circuíto, que se desenvolverá ata o 15 de outubro nos preto de 150 concellos adheridos este ano á iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo, acollerá durante este mes de setembro 130 novas citas co teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo producidos en Galicia de xeito profesional, neste caso polas 90 formacións artísticas programadas en 109 municipios.
A seguridade de público e artistas está a ser, ademais, a prioridade no desenvolvemento das actividades que organizan as entidades locais participantes, adxudicatarias todas elas da liña de subvencións para a contratación de espectáculos profesionais galegos no marco deste ciclo, que volve contar co patrocinio de Gadis. A posta en marcha do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19 permitiu articular esta versión ampliada de Cultura no Camiño, que incrementou a súa dotación económica en máis do triplo e posibilitou, así, a incorporación de 70 concellos máis que en 2019. Deles, 38 forman parte por vez primeira deste circuítos, que conta xa con oito anos de traxectoria.
Xira ‘Lugares máxicos’
En canto á programación artística desenvolvida ata o momento coa implicación de máis de 100 grupos e compañías, a música tivo unha destacada presenza con 66 concertos, entre os que sobresaen, por exemplo, os ofrecidos por Carlos Núñez en Vilanova de Arousa, Celanova, Melón, A Laracha, Marín ou Nigrán dentro da súa xira Lugares máxicos. Os espectáculos musicais de Odaiko, a montaxe teatral para todos os públicos Saaabor! de Culturactiva, as propostas de novo circo e danza de Pistacatro, Desastronauts e N+1 ou a maxia de Dani García e Mago Teto foron tamén algunhas das citas destacadas en canto a número de contratacións.
Cultura no Camiño+ mantén a finalidade coa que o programa botou a andar en 2013, inicialmente nos concellos situados no Camiño de Santiago, para impulsar á contratación de espectáculos galegos, ao tempo que para contribuír á dinamización cultural dos municipios da Comunidade, especialmente dos de menor poboación e con menores recursos. De feito, a gran maioría dos concellos participantes na edición de 2020 contan con menos de 20.000 habitantes. Nestes casos, dispoñen dunha achega de 4000 euros por parte da Xunta (fronte aos 2500 do ano pasado), que asume así o 80% dos custos das contratacións artísticas. Para os municipios de maior poboación, a subvención sitúase nos 4800 euros (3500 euros en 2019), cun incremento ata o 60% na porcentaxe de contratación que asume economicamente o Goberno autonómico.