Share

O Pazo da Cultura de Narón ofrece 20 funcións de 12 espectáculos dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A Xunta de Galicia promove este circuíto profesional, que conta cun orzamento anual de 1,48 millóns de euros cofinanciado coas entidades locais xestoras dos seus máis de 40 espazos integrantes

A carteleira naronesa abrirase este venres con Teatro de Atlántico e continuará ata decembro coas propostas de Pedras de Cartón, Teatro Clásico de Sevilla, Elefante Elegante, Chévere, Contraproducións, Teatro do Noroeste, Ghazafelhos, Caramuxo, Sarabela e Pérez&Fernández, ademais dun concerto a cargo de Anxo Lorenzo

O Pazo da Cultura de Narón ofrece 20 funcións de 12 espectáculos dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O Pazo da Cultura de Narón ofrecerá ata finais de 2019 un total de 20 funcións de espectáculos de teatro para público adulto, infantil e música, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) que impulsa a Xunta de Galicia. Así quedou recollido no convenio asinado entre a Agadic e o Padroado de Cultura naronés.
Estas representacións forman parte das 205 citas culturais que están a ter lugar entre os meses de agosto e decembro no marco deste circuíto que conforman máis de 40 escenarios galegos. A programación anual completa, que conta cun orzamento de 1,48 millóns de euros, é cofinanciada pola Consellería de Cultura e Turismo e as entidades locais xestoras dos espazos adheridos. Así, en 2019 este investimento destínase integramente á contratación de 152 compañías profesionais de teatro, música, danza, novo circo e maxia (a meirande parte delas galegas) que ao remate do ano terán realizado 554 funcións en 39 localidades das catro provincias.
 
A carteleira deseñada para o público de Narón comprende sete montaxes para público adulto, 12 para público infantil e un concerto a cargo da banda gaiteiro Anxo Lorenzo, que terá lugar o 30 de novembro. Na primeira das categorías están as montaxes De abrentes e ocasos, de Teatro do Atlántico, que abrirá a actividade o vindeiro 20 de setembro; Luces de Bohemia, a cargo do Teatro Clásico de Sevilla (19 de outubro); Curva España, de Chévere Teatro (26 de outubro), tres pases de Fillos do sol, de Contraproducións (os días 29 e 30 de outubro); e Crónicas do Paraíso, de Sarabela Teatro (16 de novembro).
 
Pola súa banda, os nenos e nenas poderán gozar con Lázaro de Tormes, pola compañía Pedras de Cartón (16 e 17 de outubro); Patapatum, de Elefante Elegante (22 e 23 de outubro); Animais de compañía, de Teatro do Noroeste (3 de novembro); Acuario, de Ghazafelhos (5 e 6 de novembro); Ñam!, de Caramuxo Teatro (10 de novembro) e Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández (15 de decembro).

-Web do Padroado de Cultura de Narón