A Agadic asina tres contratos para coproducir os espectáculos de danza 'Médula', 'Bailar ahora' e 'E-migrantas'
Os proxectos seleccionados, que se levarán a cabo a través do Centro Coreográfico Galego, foron presentados pola compañía Artestudio e polas creadoras Marta Alonso e Kirenia Martínez
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo asinou os contratos en réxime de coprodución polos que achegará máis de 50.000 euros para a montaxe e estrea de tres novos espectáculos de danza: Medula, de Artestudio; Bailar ahora, de Marta Alonso; e E-migrantas, de Kirenia Martínez.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e as responsables das compañías privadas adxudicatarias asumen deste xeito darlle continuidade ao plan de coproducións do Centro Coreográfico Galego (CCG) para a temporada 2019-2020. Os tres títulos veñen sumarse a outras propostas apoiadas nos últimos anos dentro deste mesmo programa, como foron os casos de Pink Unicorns, de La Macana; Directo 9, de Pisando Ovos; Corps Sonore, con SóloDos;Son, de Nova Galega de Danza, e Atlántica, de BalletNorte.
En concreto e segundo a adxudicación publicada o pasado mes de agosto, Artestudio Xestión Cultural, recibirá 18.000 euros; outros 18.000 serán para Marta Alonso Tejada e 14.392 para Kirenia Celia Martínez Acosta. Ademais deste apoio económico, contarán coas instalacións do Centro Coreográfico Galego na Coruña para o proceso de materialización das súas respectivas propostas..
Equipos e temáticas femininas
Os tres espectáculos seleccionados sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas, ademais de ter tamén como común denominador o protagonismo feminino tanto na composición dos equipos artísticos como nas temáticas.
Así, Alba Fernández e Ana Beatriz Pérez asumen conxuntamente a autoría, coreografía, dirección e espazo escénico de Medula, que Artestudio define como un encontro entre linguaxes e unha mestura dos anos de experiencia e investigación que cada unha das súas creadoras alberga nos seus corpos. Aquí, as calidades do movemento da danza urbana constitúen o texto físico da proposta, que tamén se achegará ao folclore de Cuba, de onde é orixinaria Ana Beatriz Pérez, e ás danzas africanas, como xeito de regresar ás raíces da humanidade, á terra onde habitou a primeira das mulleres.
Pola súa banda, Marta Alonso creará e interpretará a peza Bailar ahora baixo a dirección de Victoria P. Miranda, coreógrafa que sobresae polos seus traballos escénicos e adestramentos profesionais 100% físicos. A utilización de elementos da performance sumarase ás vivencias propias no desenvolvemento dunha peza que porá o foco no presente, social e individual, para investigar unha linguaxe humorística e crítica a través da danza.
No caso do terceiro proxecto beneficiario, E-migrantas, serán as bailarinas Lisvet Barcia Cabrera e Esther Latorre as que porán en escena esta creación de Kirenia Martínez, responsable tamén da dirección e da coreografía. A finalidade do seu proxecto é dignificar a través da danza as novas xeracións de mulleres que, a pesar de todo o avanzado nos ámbitos laboral, académico e social, aínda se atopan diante dun presente incerto e teñen que enfrontarse á desigualdade no seu día a día.