Share
O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e o director de Industrias Culturais asistiron á presentación de resultados por parte do equipo que realizou o informe

O Hub Audiovisual de Galicia acadou un impacto económico de máis de 32 M€ e executou 109 proxectos, segundo un estudo presentado pola USC

Permitiu a creación de 777 empregos anuais, a mobilización de 28,5 M€ a través da actividade transversal xerada e o retorno duns catro euros por cada euro investido

Destaca a liña para a atracción de rodaxes, na que se investiron 2,7 M€ e acadou un impacto superior aos 22 millóns

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades desenvolveu este programa extraordinario de apoio ao sector durante o trienio 2021-2023 cun investimento de 9,6 M€ a través dunha xestión dinámica que se concretou en nove canles de axuda

O Hub Audiovisual - Industria Cultural Galega, deseñado e desenvolvido pola Xunta no trienio 2021-2023, supuxo un incremento da produción cultural galega en máis de 32 M€, contribuíu á materialización de 109 proxectos de distintas naturezas e disciplinas artísticas e acadou a creación de 777 postos de traballo anuais equivalentes a tempo completo. Así se reflicte no informe de resultados económicos presentado hoxe polo grupo investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que levou a cabo o estudo.

Ao acto, que tivo lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, asistiron  o secretario xeral da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, responsable do departamento a través do que entre 2021 e 2023 a Xunta xestionou este programa extraordinario de apoio dotado con 9,6 M€ e posto en marcha para facerlles fronte aos efectos da covid-19 no sector.

O informe, levado a cabo polo grupo Posmark (Persoas, Organizacións Sostibles e Márketing) da USC, que integran María Bastida, Miguel Á. Vázquez Taín e Marisa del Río, reflicte que o Hub propiciou a mobilización de 28,5M€ en dous ámbitos de actuación principais polo seu maior potencial tractor: o audiovisual e a música. Engadiuse tamén un eido transversal, destinado á adquisición de activos e materiais tecnolóxicos por parte de empresas e entidades culturais.

Xestión dinámica

Indicaron tamén que a súa xestión realizouse de xeito dinámico para optimizar e garantir a canalización eficiente dos fondos europeos, coa reasignación de cantidades entre as nove liñas de axuda convocadas, sempre segundo as demandas manifestadas polo diálogo permanente co sector e en adecuación constante ás necesidades máis prioritarias

Neste sentido, os responsables do traballo destacaron o carácter transversal, participativo e adaptable do Hub da Xunta. Ao tempo, valoraron de xeito moi positivo a iniciativa por parte da propia Administración de encargar este tipo de investigacións para avaliar as súas propias políticas públicas como ferramenta útil para futuras dinámicas e liñas de apoio.

Presentados 249 proxectos de 90 entidades

Foron 90 entidades diferentes as que resultaron adxudicatarias dalgunha destas subvencións, ás que se presentaron 249 proxectos, dos que 121 foron beneficiarios e 109 os finalmente desenvolvidos. O Hub tamén implicou a licitación da iniciativa Galicia Film Commission, que inclúe unha plataforma tecnolóxica e a dixitalización de obras do patrimonio audiovisual galego do arquivo da Filmoteca de Galicia.

Así, na listaxe de proxectos financiados cóntanse nove rodaxes: tres longametraxes (13 exorcismos, Amigos hasta la muerte e Tratamos demasiado bien a las mujeres), cinco series de ficción (Hasta el cielo, Os argonautas e a moeda de ouro, Operación Marea Negra II, Rapa I, Rapa II e Los enviados) presentadas por seis produtoras galegas. Tamén se contribuíu á preprodución de 64 obras audiovisuais a cargo de 25 entidades beneficiarias: foron en concreto 16 proxectos individuais, 13 paquetes de propostas con 48 obras, 49 longametraxes e 15 series de ficción ou documentais (seis dos 64 títulos foron de animación).

No informe de resultados destacan especialmente as cifras derivadas das súas convocatorias para a atracción de rodaxes ao territorio galego, xa que cun investimento de 2,7 M€ acadouse un impacto superior aos 22 millóns.

Ademais, como parte do sector audiovisual, fomentouse a actividade de exhibición cinematográfica de sete entidades e cines, con atención especial á promoción de novos públicos, e desenvolvéronse dous videoxogos educativos e de lecer de produción galega.

Tamén na música e nas infraestruturas culturais

No ámbito musical, o Hub facilitou a organización de máis de 500 concertos e outras producións musicais. Os 157 concertos que acolleron 11 espazos da Rede Galega de Música ao Vivo, a produción de tres discos, nove sinxelos, 24 clips e máis de 360 actuacións adicionais incidiron na actividade de 50 grupos e artistas de 21 promotoras e empresas distintas.

Tamén as empresas e entidades culturais galegas tiveron no Hub da Xunta un medio para se capitalizar tecnoloxicamente a través do desenvolvemento de seis aplicacións informáticas para a xestión cultural e da adquisición de equipamentos técnicos e dotación de activos cos que se modernizaron 33 escenarios e infraestruturas.

No que respecta ao impacto económico global, o informe revela que a taxa de retorno sobre as axudas foi do 119,11 %, do que o 21,82 lle corresponde á Administración galega, o que supón a recuperación duns catro euros por cada euro investido.  

O Hub Audiovisual - Industria Cultural Galega contou co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER 2014-2020 como parte da resposta europea á pandemia da covid-19.


Hub Audiovisual / Industria Cultural Galega