O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ofrecerá un cartel con máis de 39 espectáculos co apoio da Xunta de Galicia
Estrea absolutas e en Galicia
31º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo desenvolverá ao longo dun mes un programa que inclúe propostas procedentes de oito comunidades autónomas, así como dous espectáculos de carácter internacional orixinarios de Italia e de Arxentina. O cartel inclúe as estreas absolutas das montaxes Wombo Combo, de Galeatro; Patrón, de Alberte Montés; Os contos de William Shakespeare, de Pedras de Cartón, e Pirolíticos, peza esta última que conta con subvención á creación escénica por parte da Xunta e coa que Mofa&Befa celebra o seu trixésimo aniversario. A estes títulos cómpre sumarlles catro propostas de pequeno formato que se engloban no VI Certame Micro-escena Metro Cadrado.
Outros nove espectáculos chegarán por primeira vez en Galicia. Entre estas propostas inéditas na nosa Comunidade, destacan a montaxe coa que Leo Bassi celebra os seus 70 anos, La Voluntad de crecer, a nova obra de Pablo Messiez, ou Búho, a peza máis recente de Titzina. Ademais, Blanca Portillo protagonizará outro dos pratos fortes de esta edición ao chegar ao Pazo da Cultura de Carballo no marco do festival con Silencio, creación de Juan Mayorga.
Homenaxe Pedro Brandariz
O Festival Internacional Outono de Teatro lembrará a Pedro Brandariz, quen desapareceu prematuramente a comezos deste ano. Este intérprete, clown e contacontos deixou unha fonda pegada na cita carballesa, que cada ano lle dedica unha atención especial á narración oral a través do seu ciclo Rúa dos Contos, que regresa este ano aos bares con nomes como Marta Doviro, Óscar Terol, Quico Cadaval ou Marta Iglesias.
A Rúa dos Contos é unha das múltiples seccións nas que se divide o festival xunto a outros apartados como son Sala+OTNI —que concluirá o 31 de outubro coa función de Caneos, recortes e outras formas de driblar, produción do Centro Dramático Galego e Ainé—, FIOT en ruta, Teatro de Rúa, Fiotiño ou FIOTeen, ademais da súa entrada este ano no programa de intercambio teatral interautonómico Camiño Escena Norte, tamén apoiado pola Xunta de Galicia.