Share

O Festival Internacional Galicreques de Santiago celebra a súa 24ª edición con 50 representacións a cargo de 25 compañías

O director da Agadic asistiu á presentación do programa que se desenvolverá do 12 ao 20 de outubro en diferentes espazos da cidade

A carteleira terá gran presenza internacional, con artistas de Arxentina, Bosnia, Francia, Italia, Perú e Portugal, ademais de Galicia e do resto de España

O Festival Internacional Galicreques de Santiago celebra a súa 24ª edición con 50 representacións a cargo de 25 compañías

O Festival Internacional Galicreques desvelou hoxe a programación completa da súa 24ª edición, que terá lugar en diferentes espazos de Santiago de Compostela do 12 ao 20 de outubro. Os espectáculos de 25 compañías danlle forma a esta carteleira, con medio centenar de representacións que darán conta da variedade e riqueza do teatro de monicreques.
Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, participou nesta presentación xunto a Jorge Rey, director do festival, e aos representantes do resto de entidades colaboradoras: Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, e Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña.
 
Sutil felicitou á organización de Galicreques pola súa aposta polo teatro de marionetas, arredor do que cada ano convoca numeroso público dun amplo abano de idades, así como por reforzar a súa oferta con 13 funcións para centros de ensino ás que acudirán máis de 1000 escolares.
 
Así mesmo, a programación buscará achegarlle os monicreques ao público dos barrios, con actuacións en seis centros socioculturais, que se suman á actividade que se desenvolverá en diferentes prazas e rúas da zona histórica, na Fundación SGAE, no Teatro Principal e na carpa instalada na Alameda.
 
Galicreques, festival subvencionado pola Xunta, volve contar cunha forte presenza internacional con compañías e profesionais chegados de Arxentina, Bosnia, Francia, Perú e Portugal, ademais de 11 formacións galegas e tres de Castela-A Mancha, Madrid e Valencia.
 
O público compostelán terá a oportunidade de asistir a sete estreas a cargo de Producións Teatrais Alakrán (Galicia), La Mar de Marionetas (Madrid), Triestitelles (Valencia), Tres Tigres Teatro, Teatro Priedra Libre e La Pelela Teatro (Arxentina) e Mad Compass cunha coprodución que une artistas de Galicia, Francia e Italia.

-Galicreques