Share

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo chega á súa cuarta edición apostando por facer visibles outras realidades

 A Xunta de Galicia colabora con este certame, que se desenvolverá no Auditorio Municipal e nos Cines Salesianos do 22 ao 26 de outubro

Proxectaranse 30 longas, curtametraxes, series e webseries, cunha destacada presenza do audiovisual galego

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo chega á súa cuarta edición apostando por facer visibles outras realidades

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo presentou hoxe a programación completa da súa cuarta edición, que se celebrará no Auditorio Municipal e nos Cines Salesianos do 22 ao 26 de outubro e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Unha trintena de títulos, entre longametraxes, curtas, series e webseries, conforman esta programación, de entrada gratuíta, que continúa apostando por lles dar visibilidade a outras realidades ocultas ou descoñecidas a través do audiovisual, así como por que o cine sexa unha arte feita por e para todas as persoas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na presentación en representación do Goberno galego. Para Sutil, trátase dun encontro único e pioneiro que ten no seu valor social o seu principal elemento distintivo dentro do panorama cinematográfico galego, tanto pola temática dos filmes como polos xeitos de proxección, con soportes de audiodescrición e subtítulos. Tamén participaron na presentación representantes das distintas institucións implicadas no proxecto e Gonzalo Suárez, director do festival.
 
A cita, que este ano se incorpora por primeira vez á listaxe de festivais audiovisuais subvencionados pola Consellería de Cultura e Turismo a través da convocatoria anual da Agadic, conta así mesmo cunha importante presenza do cinema galego nas súas diferentes seccións: VIG-IN DOC, Curtametraxes, Coñece! Escolas e Novas Miras. A través delas, o público terá a oportunidade de ver os últimos traballos de Álvaro Gago, Pedro Sancho, Pablo Fontela, Noemí Chantada e Óscar Pardo, Olga Osorio, Luis Avilés Baquero ou Khris Cembe, que comparten carteleira con outros destacados nomes do panorama estatal e internacional.
 
A sesión inaugural do día 22 incluirá a estrea da longametraxe documental A nosotros tu reino, na que o realizador mexicano Horacio Alcalá aborda a historia de superación do deportista galego Simón González, quen foi campión mundial de full contact tres veces consecutivas e ao que un accidente doméstico lle cambiou a vida hai cinco anos.

-Festival de Cine Inclusivo de Vigo