Share

O espectáculo do Centro Dramático Galego ‘A serie clopen’ despídese de Santiago de Compostela cun novo éxito de público

A unidade teatral da Xunta volverá colgar esta fin de semana o cartel de “entradas esgotadas” nas tres últimas funcións da súa produción no Salón Teatro, onde terá sido vista por unhas 5500 persoas desde a súa estrea o 11 de setembro

A continuación, porá rumbo cara a Coímbra no inicio dunha xira durante a que viaxará tamén a Vilalba, Évora, Rianxo e Quiroga

Pablo Reboleiro dirixe esta montaxe, que combina artes circenses, danza, música, matemáticas, historia e humor para abordar os riscos da sociedade dixital, co foco posto especialmente na mocidade a través dunha proposta áxil e moi visual

O Centro Dramático Galego colgará de novo o cartel de “entradas esgotadas” nas tres últimas funcións do seu espectáculo A serie clopen esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde terá sido visto por arredor de 5500 persoas desde a súa estrea o pasado 11 de setembro. Tras os 33 pases ofrecidos na sede da compañía da Xunta, tamén completando as butacas dispoñibles en varias ocasións, o espectáculo iniciará a finais de mes unha xira que o levará a outros cinco escenarios de Galicia e Portugal.

Así, a proposta dirixida por Pablo Reboleiro representarase o 30 de outubro no Teatro Académico de Gil Vicente de Coímbra como parte da programación da Mostra Galiza Coimbra 2025, organizada polos colectivos Cena Lusófona e A Escola da Noite e que conta co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para ofrecer unha escolma de producións escénicas galegas, entre outras moitas actividades artísticas e formativas.

Entradas á venda para a xira

Xa nas primeiras semanas de novembro, poderá verse no Auditorio Municipal Carmen Estévez Eguiagaray de Vilalba o día 2, no Teatro García de Resende de Évora o día 4, no Auditorio Municipal de Rianxo o día 6 e no de Quiroga o día 9. No caso das tres funcións galegas, as entradas xa están á venda na plataforma entradas.ataquilla.com.

En A serie clopen, o circo protagoniza por vez primeira unha produción propia da compañía pública galega, conxugando ademais matemáticas e historia para falar dos paradoxos da sociedade dixital e reflexionar sobre os retos aos que se enfronta a mocidade. A montaxe, apta para todas as idades, pon o foco especialmente na adolescencia a través dunha proposta moi áxil e visual, con divertidos acenos aos códigos de relación e á linguaxe da xuventude.

Con dramaturxia do propio Pablo Reboleiro xunto a Clara Gayo, o espectáculo mestura clown, acrobacias, malabares, aéreos, danza e música a través das interpretacións de Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo.

No equipo artístico atópanse tamén Laura Iturralde na iluminación e videoescena, así como no deseño da escenografía xunto con José Faro; Erea Pérez e Paula Quintas na maquillaxe e caracterización, Marta Alonso Tejada no movemento escénico e coreografía, José Expósito na asistencia de circo, Marcos PTT no espazo sonoro e asistencia de dirección, Xosé Lois Romero na composición musical e Santi Romay na asistencia de produción.

Con A serie clopen, o circo contemporáneo incorpórase ao repertorio do Centro Dramático Galego, que xa lle viña prestando atención a esta arte escénica a través de coproducións e colaboracións con outras compañías e asociacións que dan conta da súa riqueza e vitalidade en Galicia. Destacan entre elas PistaCatro, da que Pablo Reboleiro é un dos fundadores e que acaba de sumar o Premio Nacional de Circo 2025 ao Premio da Cultura Galega que xa obtivera en 2023 na categoría de artes escénicas.

Público de máis de 40 concellos

Como nas súas anteriores producións, a compañía da Xunta activou a súa campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, no marco da que durante estas semanas recibiu no Salón Teatro público procedente dos máis de 40 concellos que se adheriron á iniciativa para este espectáculo.

Dispuxéronse igualmente das habituais medidas de accesibilidade, como interpretación a lingua de signos, audiodescrición e subtítulos para o teléfono, ademais das funcións descontraídas dos mércores cunha atmosfera acolledora e maior tolerancia respecto do ruído e movemento no patio de butacas.