Share

O DOG publica as axudas á creación escénica reformulando as súas modalidades de acordo coas disciplinas artísticas

A Agadic destinará 650.000 euros a subvencionar producións galegas de teatro, danza, novo circo ou maxia estreadas entre o 1 de abril e o 31 de marzo de 2020

A anterior clasificación dos espectáculos polo número de intérpretes é substituída por unha categoría para teatro, novo circo e maxia e outra para danza e artes do movemento, mentres que se mantén a destinada a compañías de nova creación

O DOG publica as axudas á creación escénica reformulando as súas modalidades de acordo coas disciplinas artísticas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á creación escénica, dotada con 650.000 euros para apoiar espectáculos de produción galega estreados entre o pasado 1 de abril e o 31 de marzo de 2020. O prazo de presentación de solicitudes dará comezo mañá e permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de maio.
A principal novidade deste ano é a reformulación das bases en canto ás modalidades a través das que as empresas produtoras poden optar a esta liña de axudas. Así, as tres categorías que na convocatoria anterior clasificaban as montaxes escénicas segundo o seu tamaño, tendo en conta o número de intérpretes, son substituídas agora por dúas relativas á disciplina escénica na que se encadre o proxecto: teatro, novo circo e maxia (modalidade 2) e danza e artes do movemento (modalidade 3). Pola súa banda, mantense respecto a 2018 a modalidade 1 para apoiar as compañías de nova creación.
 
Reforzo da danza
Esta nova convocatoria reforza, pois, os mecanismos de discriminación positiva para as propostas coreográficas, ás que se destina especificamente unha dotación de 110.000 euros para producións que non excedan os 50.000 euros, establecendo un máximo de 37.500 euros por cada empresa adxudicataria e tendo en conta que a subvención non poderá superar o 75% do orzamento do proxecto.
 
Para os espectáculos de teatro, novo circo e maxia resérvanse 470.000 euros para proxectos que non superen os 80.000 euros, tamén co límite do 75% do orzamento e unha contía máxima por beneficiario de 60.000 euros.   
 
Por último, o orzamento destinado ás empresas de nova creación é de 70.000 euros. Esta contía será distribuída entre proxectos que non superen os 20.000 euros, cun límite de 18.000 euros por adxudicación e do 90% do orzamento da proposta. Nesta categoría, redúcese de cinco a tres anos a antigüidade máxima esixida ás empresas adxudicatarias e sinálase que, como mínimo, o 50% do equipo artístico debe estar composto por menores de 35 anos.  
 
As bases establecen como finalidade destas subvencións o fomento da produción escénica, en calquera das súas disciplinas artísticas, por parte de compañías profesionais con actividade en Galicia, de xeito que se favorece a estrea de novos espectáculos galegos durante a próxima temporada escénica de cara á súa progresiva incorporación nas carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais. Concrétase, así mesmo, que a produción dos espectáculos deberá iniciarse no exercicio de 2019.
 
As bases están dispoñibles para a súa consulta no Diario Oficial de Galicia.