Share

Cultura e Turismo abre a convocatoria de adhesión de festivais de música á nova temporada de FEST Galicia

O DOG publica hoxe esta resolución conxunta da Agadic e Turismo de Galicia, que destina 350.0000 euros a contratos de patrocinio cos eventos adscritos para a promoción do turismo musical sostible baixo esta marca da Xunta e en estreita relación co Xacobeo 2021

A súa dotación inclúe a achega da Secretaría Xeral de Igualdade para as accións relacionadas coa campaña ‘Agresión Off. Eu digo non á violencia sexual’

O director da Agadic participou na presentación en Santiago do 17º Ribeira Sacra, unha das citas que o ano pasado se implicaron na posta en marcha desta iniciativa transversal da Xunta

Cultura e Turismo abre a convocatoria de adhesión de festivais de música á nova temporada de FEST Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de adhesión á marca FEST Galicia, dirixida a festivais profesionais de música que se celebren entre o 1 de xuño e o 30 de setembro deste ano. Esta resolución conxunta da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia establece as condicións que deben reunir os eventos interesados en formar parte desta iniciativa, que destina 350.000 euros a consolidar e impulsar esta estratexia de colaboración da Xunta con festivais considerados estratéxicos para promover o turismo musical de acordo con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
Nesta contía inclúese, así mesmo, a achega da Secretaría Xeral de Igualdade para as accións relacionadas coa difusión da campaña Agresión Off. Eu digo non á violencia sexual nos festivais asociados a esta nova temporada da marca. Ademais, en 2019 FEST Galicia vincularase estreitamente á promoción do Xacobeo 2021 no seu obxectivo común de favorecer o posicionamento e o fomento da industria cultural galega e de impulsar a proxección internacional de Galicia.
 
A colaboración materializarase a través da sinatura de contratos de patrocinio coas empresas organizadoras daqueles festivais que reúnan unha serie de condicións relativas ao seu orzamento, programación, redución do impacto medioambiental ou cumprimento da normativa en materia de espectáculos públicos, entre outras.
 
Prazo de solicitude
As solicitudes deberán presentarse ata o 8 de maio na Oficina do Rexistro Auxiliar de Turismo de Galicia, incorporando toda a documentación requirida, tanto administrativa como técnica, na forma que se especifica.
 
A finalidade de FEST Galicia é promover un turismo musical sostible, liderado por festivais estratéxicos para a nosa Comunidade dentro dunha iniciativa transversal da Xunta de Galicia. Así o explicou hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación en Santiago da terceira edición do 17º Ribeira Sacra Festival, unha das dez citas que o ano pasado participaron na experiencia piloto da marca.
 
Xunto ao Ribeira Sacra, tamén se asociaron á primeira temporada de FEST Galicia PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival. Como parte desta iniciativa conxunta, acolleron nas súas edicións de 2018 unha serie de accións, obradoiros e campañas de sensibilización contra a violencia de xénero, de fomento do uso da lingua galega, de concienciación medioambiental ou de valores positivos para a xuventude, entre outras. Ademais, no ámbito da igualdade, apoiouse especificamente a programación musical con perspectiva de xénero e a incorporación de mulleres a todas as categorías profesionais.
 
Música e patrimonio na Ribeira Sacra
A Fundación DIDAC de Santiago acolleu esta mañá a presentación da nova edición que o Ribeira Sacra Festival desenvolverá do 18 ao 21 de xullo en espazos e lugares emblemáticos de Monforte de Lemos, Chantada e Sober. Kevin Johansen, Enric Montefusco e Marem Ladson son algúns dos artistas que actuarán neste evento, que de novo xirará arredor de catro eixos: música, natureza, gastronomía –con especial atención á produción vitivinícola– e patrimonio.
 
Precisamente, o Consello do Patrimonio Histórico –órgano para a coordinación neste ámbito entre a Administración do Estado e as Comunidades Autónomas– acaba de aprobar por unanimidade na reunión celebrada hoxe no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil (Ourense) a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial de la Unesco.
 
A resolución sobre a adhesión de festivais á marca FEST Galicia está dispoñible para a súa consulta no Diario Oficial de Galicia.