O Centro Dramático Galego estendeu a súa actividade a máis da metade dos concellos de Galicia e a 11 países na celebración do 40º aniversario
- Os 15 espectáculos que produciu directamente ou xunto a outras compañías dentro e fóra de Galicia superaron as 300 funcións en 2024
- O balance elevado ao Consello incide na consolidación do traballo da unidade teatral da Xunta a prol da accesibilidade e da inclusión, da internacionalización e da sustentabilidade
- Contou cun orzamento de 690.000 euros, dos que máis de 300.000 euros se destinaron ás contratacións dos elencos das producións propias en exhibición durante o ano pasado ou en fase de ensaios cara á súa estrea en 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude elevou hoxe ao Consello da Xunta o informe de balance da actividade desenvolvida polo Centro Dramático Galego en 2024, ano no que conmemorou o 40º aniversario da súa fundación. As conclusións que se extraen do documento poñen en valor o reforzo do papel da compañía pública como referente cultural e o avance no seu compromiso coa inclusión, a internacionalización e a sustentabilidade a través dunha ampla variedade de proxectos que se estenderon a 160 concellos das catro provincias e a 11 países.
Entre estas propostas, destacan os 15 espectáculos nos que interveu a unidade teatral da Xunta de Galicia, dos que dous foron producións propias (Os actos e as profecías e Terceiro acto) e 13, coproducións con outras formacións de dentro e fóra da nosa Comunidade, sumando máis de 300 representacións. Algunhas delas desenvolvéronse no Salón Teatro, a súa sede en Santiago de Compostela, que durante o ano pasado abriu as súas portas durante 305 xornadas.
Investimento
Para esta intensa actividade, o Centro Dramático Galego contou cun orzamento de 690.000 euros por parte do Goberno galego. Por outra banda, o conxunto dos programas europeos, coproducións e colaboracións nos que participou durante o ano pasado superou 1M€ en achegas por parte do resto de entidades implicadas.
Estas cifras teñen a súa repercusión, así mesmo, no emprego no conxunto do sector teatral galego, xa que só no ámbito das producións propias, se investiron máis de 300.000 euros na contratación directa de 47 intérpretes tanto nos espectáculos en exhibición como naqueles en fase de ensaios. Súmanselles, ademais, os máis de 60 actores e actrices que integraron os elencos das coproducións e a implicación dun centenar de profesionais doutros oficios escénicos nos diferentes equipos, de xeito que a cifra de persoal artístico mobilizado en 2024 supera as 200 persoas.
Accesibilidade e diversidade
Entre os fitos deste balance anual, o informe subliña as iniciativas centradas en promover a accesibilidade e a diversidade, tanto nos formatos das producións como nos públicos aos que se dirixiron. Neste sentido, o programa de mobilidade Sobes ao autobús do teatro? foi unha acción clave para mellorar o acceso ás artes escénicas en toda Galicia, permitindo que comunidades rurais ou máis afastadas puidesen gozar da programación do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela.
Así, para Os actos e as profecías habilitáronse 26 rutas gratuítas de autocares con percorrido por 45 concellos, mentres que para Terceiro acto foron 24 os autobuses que trasladaron espectadores desde 48 municipios. A compañía institucional saíu tamén ao encontro do público nas xiras que desenvolveu con esta segunda proposta, que puido verse noutros oito escenarios galegos, e con A utópica rodante, que levou a coprodución De Vilatriste a Vilalegre a máis de 100 localidades.
A inclusión é outro do eixes de traballo nos que a unidade teatral da xunta afondou durante o ano do seu 40º aniversario, ofrecendo o seu pioneiro sistema SINTE (audiodescrición, signado e subtitulado, funcións descontraídas e visitas táctiles) en máis de 70 representacións de catro dos seus espectáculos.
Ao tempo, o Centro Dramático Galego puxo o foco na formación e na inclusión de profesionais con diferentes tipo de discapacidade. É o caso, por exemplo, dos obradoiros nos que se seleccionaron os intérpretes de Nada se sabe, montaxe coproducida con Culturactiva e estreada na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que pode verse estes días no Salón Teatro.
Liñas de acción exterior
Outro dos puntos destacados neste documento ten que ver coa internacionalización do noso teatro e dos seus profesionais a través de tres liñas estratéxicas: a conexión coa Galicia da emigración, a lusofonía e a relación con outros países con linguas minoritarias.
En concreto, desenvolveu unha intensa actividade como integrante dos proxectos europeos Phōnē (programa Europa Creativa) con nove socios de sete países e Nós/Nous (Erasmus + KA2) con nove entidades de catro países, ademais de facilitar a participación galega en cinco festivais de Portugal, Irlanda, Iraq e O Uruguai ou formar parte de sete coproducións coa Alemaña, O Brasil, Países Baixos, Portugal, Francia e Irlanda.
No que respecta á sustentabilidade, a compañía pública galega traballa con outros teatros europeos na liña do Green Theater que, alén da transición ao formato led para a redución do consumo eléctrico na iluminación dos espectáculos, traballa fundamentalmente na reciclaxe e reutilización de escenografías e vestiarios.