Share

Nova liña de axudas dirixida ao sector musical para apoiar de xeito integral as carreiras de artistas e grupos

Destínanse 150.000 euros a esta convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e que se resolverá por concorrencia competitiva

Poderá beneficiarse un mínimo de 10 proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical, presentados por empresas de ‘management’ ou edición fonográfica

Valoraranse para a súa concesión criterios relacionados coas traxectorias empresariais e artísticas, co emprego do galego ou coa participación feminina

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases dunha nova liña de subvencións para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical, a través da que se investirán 150.000 euros no apoio de xeito integral ás carreiras de artistas e grupos que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

O obxectivo desta convocatoria, inserida no programa de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2025, é impulsar o talento musical galego, ao tempo que consolidar a cadea de valor desta industria cultural, de maneira que se favoreza a calidade dos proxectos, a profesionalización e a modernización, co foco posto no uso das novas tecnoloxías e a dixitalización.

Poderán optar a estas axudas empresas galegas (pemes e persoas traballadoras autónomas) que se dediquen ao management artístico ou á edición fonográfica para impulsar o despegue ou a consolidación dos artistas e bandas que representan a través de calquera dos ámbitos do proceso musical.

Ata 15.000 euros por proxecto

A convocatoria establece unha axuda máxima de 15.000 euros por proposta, cunha intensidade de ata o 75% do orzamento subvencionable, de xeito que poidan cofinanciarse un mínimo de 10 proxectos. Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, valoraranse as traxectorias da empresa e da formación musical para a que se solicita a axuda, así como o uso do galego ou a presenza feminina en postos relevantes do proxecto, entre outros aspectos.

Subvencionaranse gastos realizados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de maio de 2026 que teñan que ver coa creación, consolidación ou impulso da imaxe de marca do artista ou banda, os estudos de mercado e as estratexias de posicionamento, a concepción, o lanzamento e a presentación dun novo produto musical, os labores de promoción, ou a gravación e distribución de traballos discográficos.

A Xunta asume estas novas axudas con fondos propios, tras unha convocatoria anterior publicada en 2022 ao abeiro do Hub Audiovisual Industria Cultural Galega con cargo aos fondos Feder dentro do eixo React-UE. Os 29 proxectos artísticos subvencionados naquela ocasión non poderán optar ás axudas de 2025, xa que se busca que nesta convocatoria teñan cabida novas propostas galegas cara á súa posta en marcha ou consolidación no mercado musical. Ademais, e en diálogo cos principais colectivos sectoriais, introduciuse outra serie de modificacións nos requisitos de solicitude e nos criterios de selección para unha mellor adecuación á realidade do sector en Galicia.

Esta nova liña de axudas conecta e complementa outras convocatorias e accións da Axencia Galega das Industrias Culturais que tamén inciden no sector musical, como as destinadas á contratación de grupos galegos nos festivais ou nos espazos integrantes da Rede Galega de Música ao Vivo e da Rede Galega de Teatros e Auditorios e mais nos concellos do circuíto Cultura no Camiño

Esta dinámica de traballo viuse tamén reforzada nos últimos anos con dúas edicións da aceleradora musical Sonemerxente, xestionada pola Xunta en colaboración coa Fundación Paideia Galiza e a través da que se lles deron pulo aos proxectos de 22 novos artistas e grupos da nosa Comunidade.