Share

Aprobadas as axudas á nova creación audiovisual para curtas e longametraxes cunha dotación de 176.000 euros

O Consello dálles luz verde ás bases da convocatoria de subvencións de 2025 para a promoción do talento neste sector a través da realización e posprodución de oito obras en formato curto e da produción de tres longas de dirección novel

Mantense a súa dotación respecto a 2024, ano en que se incrementou nun 33 % a contía específica para a produción de curtametraxes

O Consello da Xunta autorizou as bases e a convocatoria para 2025 das subvencións anuais á creación audiovisual galega para a promoción do talento neste sector, a través das cales a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investirá 176.000 euros en 11 novas curtametraxes e longas de dirección novel, todas elas en versión orixinal galega.

En concreto, cofinanciarase a realización de seis novas curtas con 8000 euros por proxecto, a posprodución de dúas curtametraxes con 4000 euros en cada caso e a produción de tres longametraxes de dirección novel con 40.000 euros por película.

Pioneiras no seu ámbito a nivel estatal, estas axudas ao talento audiovisual manteñen a súa dotación respecto á convocatoria de 2024, en que se reforzou cun incremento do 33 % no orzamento destinado especificamente á produción de curtametraxes.

O obxectivo desta liña de apoio é favorecer a incorporación da nova creación ao sector profesional coa finalidade de promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico e de contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual, ao tempo que se facilita a súa función como instrumento para a promoción da lingua galega.

Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, teranse en conta criterios relacionados coa calidade e creatividade dos proxectos, a súa viabilidade cinematográfica ou a súa contribución cultural no ámbito de Galicia. No caso das propostas de posprodución de curtas e de produción de longametraxes, valorarase tamén o potencial de circulación das películas, así como o seu plan de lanzamento e de difusión.

Estas axudas enmárcase no programa anual de subvencións ao sector que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e que abrangue as diferentes fases do proceso audiovisual que van desde o xermolo dos proxectos ata a súa chegada ás pantallas, pasando pola produción, rodaxe, difusión ou comercialización.


  • Imaxe: Fotograma da rodaxe de Tralovento, de Eloy Domínguez Serén