Share
Cultura
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu ao concerto de Ugía Pedreira, seleccionada para a programación oficial do encontro

A música galega proxéctase no Womex coas actuacións de A Pedreira e Fillas de Cassandra co apoio da Xunta

A iniciativa ofrece aos artistas e ás empresas relacionadas con este eido un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores e axencias de varios países

Galicia acolleu tres edicións deste mercado internacional, dúas en Santiago de Compostela e unha na Coruña

A Xunta de Galicia impulsa a proxección exterior da música galega apoiando a presenza de dúas propostas, A Pedreira e Fillas de Cassandra, no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria e no que estivo presente o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu a pasada noite ao concerto de A Pedreira no marco dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

A representación galega nos escenarios completarase o sábado 24 coa actuación de Fillas de Cassandra, prevista para as 21,30 horas —hora canaria— no escenario Atlantic Connections, situado no Auditorio Alfredo Kraus. O dúo formado por María SOA e Sara Faro levará a este encontro a súa combinación de tradición musical galega, electrónica e pop.

Xunto á participación artística, o encontro conta coa presenza de empresas e profesionais galegos que aproveitan a feira para presentar os seus proxectos, manter reunións de traballo e establecer contactos con axentes do circuíto internacional. Cómpre destacar que o Womex mantén unha estreita relación con Galicia, que acolleu tres edicións deste mercado: en Santiago de Compostela, en 2014 e 2016, e na Coruña, en 2023. Estes antecedentes contribuíron a reforzar os vínculos da industria musical galega coa rede profesional das músicas do mundo.