Galicia acolle por primeira vez a Bienal Estatal de Circo con 18 propostas artísticas e encontros profesionais co impulso da Xunta
A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán o escenario de oito espectáculos, seis mostras e catro traballos en proceso do 23 ao 26 de novembro
O encontro de CircoRED sae por primeira vez de Madrid para favorecer o intercambio, a colaboración e a contratación no sector
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, participaron hoxe no Gaiás na presentación da Bienal Estatal de Circo, un encontro organizado por CircoRED que se celebraraá do 23 ao 26 de novembro en Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación.
O programa, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.
Creación e encontro profesional
A programación, que se artella arredor do Congreso Profesional CIRCO en RED e da Feira Estatal de Circo, desenvolverá en Santiago durante catro xornadas mesas de traballo, encontros profesionais, presentacións de proxectos e un obradoiro, ademais da entrega do Premio CircoRED.
A oferta completarase coa posibilidade de participar nas actividades de D10! Encontro de Formación e Innovación en Circo, organizado por Pistacatro como espazo de formación, investigación e intercambio. As inscricións profesionais para BEC! están abertas e a información pode consultarse no portal circored.com.