A música e a danza de Galicia poñen rumbo cara á Fira Mediterrània de Manresa co patrocinio da Xunta
López Campos salientou a calidade da representación que conforman Ailá, Daniel Rodríguez Cía, Gala i Ovidio e Jaime Pablo Díaz
A colaboración con este encontro, que do 9 ao 12 de outubro reunirá máis de 1.000 profesionais de todo o mundo, insírese na política de internacionalización da nosa cultura desenvolvida polo Goberno galego

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia a delegación artística que dará conta do talento galego no programa de 28ª edición da Fira Mediterrània de Manresa grazas ao patrocinio da Xunta. Ailá, Daniel Rodríguez Cía, Gala i Ovidio e Jaime Pablo Díaz conforman esta representación, seleccionada pola propia organización da feira en virtude do acordo establecido co Goberno galego para difundir a música e a danza de Galicia no que é un dos principais mercados internacionais para as propostas que empregan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo.
Así o detallou o conselleiro, quen cualificou o evento como “estratéxico” para acadar unha maior proxección exterior da produción galega nestes ámbitos, en consonancia co “innegable bo momento que viven actualmente a música e as artes do movemento na nosa Comunidade”. Ademais de facer fincapé na calidade da escolma galega nesta programación, López Campos explicou que este ano se reedita a colaboración iniciada en 2023 coa feira de Manresa co fin de continuar abrindo novas canles de distribución para os espectáculos galegos, así como de “difundir a lingua, cultura e tradición que nos definen e que atraen a propios e alleos”.
O director artístico da Fira Mediterrània, Jordi Fosas, e a súa xerente, Lidia Hinojo, participaron tamén nesta presentación, que contou así mesmo co director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; os artistas Manuele Pardo e Manu Fraguela, de Ailá, e os coreógrafos e bailaríns Daniel Rodríguez e Jaime Pablo Díaz. O acto congregou, ademais, representantes de colectivos sectoriais, como a Asociación Galega de Empresas Musicais, a Asociación Galega de Salas de Música en Directo Clubtura, a SGAE, e de diferentes axencias galegas de representación e distribución artística.
A cultura galega no mundo
O patrocinio da delegación galega neste encontro enmárcase na política de internacionalización da nosa cultura que o Goberno autonómico vén desenvolvendo a través da colaboración con festivais e feiras de referencia mundial, o impulso de misións comerciais e artísticas ou a convocatoria de diferentes liñas de subvencións para a promoción e difusión dos produtos culturais producidos en Galicia. Ao respecto deste último apartado e a través da convocatoria anual para actividades de distribución nas industrias culturais, en 2024 a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoiou economicamente a presenza da música e as artes escénicas galegas en escenarios, circuítos, festivais e mercados dunha vintena de países.
No caso concreto do encontro catalán, que reúne cada ano uns 1.000 profesionais da programación, xestión e produción cultural de todo o mundo, ofrécelles aos artistas participantes unha excelente plataforma desde a que gañar visibilidade e pechar contratacións con destacadas empresas produtoras, festivais, circuítos e escenarios do ámbito estatal e internacional.
Programación galega
Jaime Pablo Díaz, director e coreógrafo de Nova Galega de Danza, abrirá esta representación galega no encontro catalán coa estrea de Llavor, peza creada no marco do programa de impulso da danza de raíz da Fira Mediterrània xunto ás mozas e mozos participantes no seu laboratorio. A montaxe resultante poderá verse na praza Europa de Manresa o xoves 9, sábado 11 e domingo 12 de outubro.
A continuación, será a quenda de Daniel Rodríguez Cía con Transeúnte, espectáculo coproducido polo Centro Coreográfico Galego, que se exhibirá os días 10 e 11 no patio do Teatre Kursaal. Farao na súa versión de rúa, que xa puido verse en Dansa València, tamén como froito da liña de colaboración e intercambio que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén con feiras e festivais escénicos de diferentes Comunidades.
Pola súa banda, Aida Tarrío, coñecida pola súa traxectoria como parte de Tanxugueiras, participará nesta edición co seu novo proxecto musical: Gala i Ovidio, xunto ao produtor e compositor Raül Refree, co que actuará no Teatre del Conservatori o sábado 11.
Tamén o sábado terá lugar o concerto de Ailá na praza da Fira para presentar Tradimensional, o cuarto traballo discográfico deste novo cuarteto compostelán, que será tamén o encargado de impartir un obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avanza así no camiño pola cooperación iniciada hai xa dous anos e que posibilitou a participación de Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo, Fillas de Cassandra, Os do Fondo da Barra, Caldo e Fran Sieira en 2023 e de Mondra, Nova Galega de Danza e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en 2024.