Share

A industria musical galega outorga os seus primeiros premios no marco da nosa colaboración con AGEM

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse coa directiva da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde se ultiman os preparativos para a entrega este xoves día 27 das 17 categorías nas que se dividen os I Premios da Industria Musical de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abordou coa presidenta desta entidade, Patricia Hermida, a organización da primeira edición destes galardóns, unha iniciativa contemplada no acordo de colaboración anual que a Xunta mantén co colectivo musical no marco do plan estratéxico para o sector. Coa súa convocatoria, preténdese visibilizar e poñer en valor traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade, e que son exemplo para o avance profesional.