Share

Garrel e Moreira Salles despregran no CGAI a súa diversa filmografía partindo do Maio do 68

Dentro da retrospectiva de Moreira Salles, mañá proxéctase ‘No intenso agora’, que analiza o impacto das protestas parisienses en todo o mundo, e á que lle seguerán outros filmes como ‘Entreatos’, retrato do expresidente Lula da Silva

O ciclo de Philippe Garrel inclúe ‘Actua 1’, filmada na revolta estudantil, e ‘Os amantes habituais’, ficción na que volve aos mesmos feitos anos despois

Garrel e Moreira Salles despregran no CGAI a súa diversa filmografía partindo do Maio do 68
As achegas de João Moreira Salles e de Philippe Garrel sobre o Maio do 68 incorpóranse ao ciclo que o CGAI ofrece durante este mes na súa sede da Coruña. A primeira destas sesións proxectará mañá martes, ás 20,30 h., No intenso agora, título que abre a retrospectiva do brasileiro, realizada en colaboración con DocumentaMadrid.
O recente filme analiza os feitos ocorridos en París e como foron percibidos e impactaron noutras culturas e latitudes, nomeadamente na brasileira, coa visión que ofrece medio século de perspectiva. Tirando de arquivo e de experiencias persoais, o realizador constrúe un profundo ensaio, o que lle valeu galardóns en recoñecidos festivais como Cinéma du Réel, do Centro Pompidou de París.
 
Moreira Salles ten unha longa carreira ligada ao documental, ferramenta que lle sirve para plasmar o seu país nun punto intermedio entre a socioloxía e o retrato intimista, como o que realiza en Entreatos, un dos seus filmes máis coñecidos, no que segue ao expresidente Lula de preto durante a súa vitoriosa campaña electoral de 2002.
 
O ciclo inclúe a súa ópera prima Santiago e as Últimas Conversas de Eduardo Coutinho, histórico do cine brasileiro co que Moreira Salles traballou nesta obra, antes do falecemento do que consideraba o seu mestre.
 
Filmar desde as barricadas
Quen si estivo presente e activo no Maio do 68 foi Philippe Garrel, un dos directores franceses máis respectados da historia do cine. O CGAI dedícalle un especial no que destaca a sesión do 12 de xuño, composta por Actua 1 e Os amantes habituais. A primeira é unha película singular, financiada polo venerado Jean-Luc Godard a xeito de contra-noticiario para oporse á propaganda gaullista. Garrel formou parte das protestas e filmounas dende dentro. A peza estaba perdida ata hai poucos anos, cando foi recuperada e restaurada, polo que supón unha verdadeira rareza na filmografía do autor.
 
Sobre estes feitos volveu, xa na ficción, con Os amantes habituais. Ver os dous filmes xuntos axuda a apreciar como a memoria de Garrel sobre a protesta foi dixerida co paso do tempo e tamén dá unha idea da súa profunda evolución como artista, na que ten tratado especialmente as luces e sombras das relacións sentimentais.
 
A retrospectiva do CGAI permitirá facer este exercicio de contraste coas outras fitas que inclúe, pois xunto a algunhas das súas primeiras longas máis experimentais como A cicatriz interior ou Les hautes solitudes —nas que traballou con actrices da contracultura da época tan importantes como Jean Seberg ou a tamén cantante Nico—, pásanse ficcións máis depuradas e centrais na súa filmografía, como L'enfant secret, unidas á súa recente triloxía composta por La jalousie, A sombra das mulleres e L'amant d'un jour.
 
Estes dous ciclos poderán verse no CGAI entre mañá e o 26 de xuño. Os detalles da programación poden consultarse en www.cgai.gal.

[Imaxe: fotograma de Emergency Kisses]

-Páxina do CGAI
-Programación