A Agadic apoia o Concello de Ribadavia na organización da 34ª Mostra Internacional de Teatro
Asinouse un convenio polo que a Xunta achega 60.000 euros a este histórico festival, que arrancará o 14 de xullo co regreso aos escenarios de Commedia, un xoguete para Goldoni vintecinco anos despois da súa estrea
A Agadic mantén o seu apoio económico á Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que celebrará a súa 34ª edición do 14 ao 22 de xullo. Como en anos anteriores, este compromiso materialízase a través do convenio asinado polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e o alcalde ribadaviense, José Ignacio Gómez.
A nova entrega deste festival pioneiro arrancará precisamente coa estrea de Commedia, un xoguete para Goldoni, un dos espectáculos de máis éxito na historia do teatro profesional en Galicia, que Contraproducións recupera para os escenarios da man do director Cándido Pazó xunto con boa parte do equipo orixinal que o levara por primeira vez ás táboas hai 25 anos.
Con esta montaxe queda esbozado, ademais, o que será o fío condutor da edición deste ano, a commedia dell’arte, que se complementará coa aposta pola creación contemporánea internacional con espectáculos de directores de sona como Pippi Delbono ou Thomas Jolly.
Como sinala o texto do acordo, segundo o que a Xunta achega 60.000 euros a esta cita, a Mostra de Ribadavia é “un dos eventos máis importantes do sistema teatral galego, recoñecido pola Xunta co Premio da Cultura Galega 2013 na modalidade de artes escénicas, ao entendelo como o principal catalizador da refundación da escena galega na década dos anos setenta do pasado século”
Nacida en 1973 da man da Asociación Cultural Abrente, a MIT foi adquirindo en cada nova entrega unha maior envergadura ata se converter –di o documento– “na cita de referencia para o conxunto dos profesionais e afeccionados ao teatro non só de Galicia, senón tamén das comunidades limítrofes, que poden acceder deste xeito a propostas de prestixiosos artistas escénicos do panorama estatal e internacional, así como ás creacións galegas máis innovadoras”.
-MIT de Ribadavia