Share
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da programación da 18ª edición do certame

O Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso recibe apoio para unha nova edición que inclúe unha ampla aposta pedagóxica

A cita, dedicada á difusión da música culta en escenarios arquitectónicos singulares, vaise desenvolver do 9 ao 18 de maio con concertos en Ourense, Cea e o Pazo de Vilamarín como novo escenario

O conservatorio da cidade das Burgas ofrecerá cursos de interpretación de trompa, trompeta, trombón, tuba e guitarra impartidos polos artistas do programa

Os concertos didácticos para escolares de secundaria relacionarán a música de Mozart cos ‘memes’ de internet

A Xunta de Galicia renova o seu apoio á organización do Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso, promovido pola Asociación Pórtico Musical e que chega á súa 18ª edición unindo música, patrimonio e pedagoxía. A cita terá lugar do 9 ao 18 de maio cunha carteleira de concertos e actividades formativas en diferentes espazos da provincia.

A presentación do certame tivo lugar esta mañá na Deputación de Ourense, nun acto no que participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o vicepresidente segundo do organismo provincial, César Fernández Gil, e o presidente de Pórtico Musical e director artístico do festival, Juan Enrique Miguéns. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a traxectoria de expansión territorial seguida polo evento, que este ano incorpora como novo escenario o Pazo de Vilamarín. “Vemos esta descentralización do festival e a súa posta en valor de espazos patrimoniais como un gran acerto deste encontro, que conta co aval do público e con recoñecementos tan destacados como o selo de calidade que concede a Asociación de Festivais Europeos”, expresou.

Exhibición e ensino musical

Jacobo Sutil tamén felicitou os responsables do festival pola ampla aposta pedagóxica desta edición, na que os artistas participantes van impartir formacións intensivas. “Con este programa, Pórtico do Paraíso transcende o obxectivo de difusión e asume un compromiso coa educación musical que deixará pegada nas novas carreiras musicais”, indicou. Serán en total cinco cursos de trompeta, trompa, trombón, tuba e guitarra que terán lugar no Conservatorio Profesional de Ourense.

Completando este programa formativo, e tralo éxito da pasada edición, volve ao Teatro Principal o trío galego formado por Antón Seijas (clarinete), Diego Segade (viola) e Andrea Vilar (piano) coa súa proposta Música e Memes, un orixinal concerto didáctico para escolares de secundaria no que a través do trío K. 498 de Mozart propóñense explicacións sobre o sentido da música en forma de memes de internet. Ademais, cunha plataforma en tempo real e a través de smartphones, a rapazada poderá participar e tomar decisións activas sobre o que sucede no escenario.

Catro concertos en espazos patrimoniais

A 18º edición do festival ábrese o venres 9 de maio na Igrexa de Santiago das Caldas da cidade de Ourense co prestixioso cuarteto vocal valenciano Qvinta Essençia interpretando un programa de música sacra renacentista a través de dous seus compositores máis notables, o español Tomás Luis de Victoria e o italiano Giovanni Pierluigi da Palestrina.

O domingo 11 Pórtico do Paraíso traslada o seu escenario ao Pazo de Vilamarín, que se incorpora á listaxe de localizacións patrimoniais desta cita para ofrecerlle ao público un suxestivo marco onde gozar da voz da especialista italiana Irene Brigitte acompañada na corda pulsada polo experimentado laudista portugués Pedro Martins. O dúo interpretará poemas musicados ao longo do século XVI nas cortes italianas e portuguesas.

A premiada guitarrista australiana Stephanie Jones, que desenvolve cada ano unha intensa actividade concertística en Centroeuropa, Asia e EEUU, ofrecerá o xoves 15 no Liceo de Ourense o seu primeiro concerto en España.

E a formación Spanish Brass, Premio Nacional de Música 2020, será a responsable do concerto de clausura o domingo 18 de maio no refectorio do mosteiro de Oseira. O mítico quinteto de metais valenciano, de prestixio internacional, volve a Pórtico do Paraíso nove anos despois cun programa que conmemora o seu 35º aniversario e que recolle algunhas das obras máis significativas interpretadas ao longo da súa carreira, outras de nova factura e tamén adaptacións de Johann Sebastian Bach, Michel Legrand, Antonio Carlos Jobim, Manuel de Falla ou Joaquín Turina, entre outros.