FEST Galicia apoia o 17 Ribeira Sacra con actividades de concienciación, un estudo de impacto e o patrocinio dun escenario
A terceira edición do festival desenvolverase en localizacións de interese patrimonial e paisaxístico de seis municipios e durante as dúas vindeiras fins de semana
A marca creada pola Consellería de Cultura e Turismo contará cun espazo propio para a difusión de programas a prol da igualdade, do uso da lingua galega, do respecto medioambiental e de valores positivos para a mocidade
FEST Galicia dálle soporte tamén ás pulseiras de acceso ao evento, un dos 12 adheridos á actual temporada deste programa transversal para promover o noso territorio como destino musical de calidade
FEST Galicia estará presente no festival 17º Ribeira Sacra, que arranca mañá a súa terceira edición en distintos concellos das provincias de Lugo e Ourense situados nas beiras do Sil e do Miño. Do 18 ao 20 de xullo haberá concertos e actividades en localizacións de Monforte de Lemos, Sober e Chantada; e na segunda fin de semana, os días 26 e 27, o festival terá escenarios en Castro Caldelas, Ribas de Sil e Nogueira de Ramuín.
O 17º Ribeira Sacra volve contar por segunda ocasión co patrocinio da Xunta como un dos 12 encontros adheridos á segunda temporada de FEST Galicia, a marca creada pola Administración autonómica para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
As medidas de apoio desta iniciativa transversal, que este ano se presenta baixo o lemaFestivais que fan camiño, son adicionais á convocatoria anual de subvencións, de próxima resolución. A marca contará cun espazo propio de difusión, renovado e versátil, que funciona como epicentro dunha serie de actividades e campañas de concienciación social e medioambiental. No caso concreto do Festival 17º Ribeira Sacra, este posto estará instalado nas adegas Regina Viarum, en Sober, e as campañas que acollerá serán impulsadas polasConsellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións.
Contratos de patrocinio
Ademais do 17º Ribeira Sacra, o calendario de FEST Galicia 2019 comprende os xa celebrados Resurrection Fest e PortAmérica, e as citas que restan de aquí a setembro: Vive Nigrán, Atlantic Fest, Sinsal, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival, Cantos na Maré e Caudal FEST, estes dous últimos como novas incorporacións. Formar parte de FEST de Galicia, suponlles acceder ao reparto de 350.000 euros cos que está dotada esta iniciativa, a través da sinatura de contratos de patrocinio.
No caso do 17º Ribeira Sacra a marca da Xunta dálle soporte tamén a un dos escenarios do evento, que estará situado no Parador de Monforte de Lemos e acollerá os concertos de Marem Ladson, Jonathan Wilson, Kevin Johansen e Los Enemigos. O festival contará así mesmo con Soledad Vélez, Enric Montefusco, Jacobo Serra, McEnroe, Papaya, Delafé, Geométrica, Champs, Alberto & García, Cora Velasco, Blanco Palamera, María José Llergo, Os Amigos dos Músicos, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Benxamín Otero & Germán Díaz, Aldaolado e Allova. A programación complétase con catas musicadas, experiencias gastro-enolóxicas, showcookings, rutas e visitas.
Ademais da carteleira musical, outra das citas que terá lugar no marco do festival é o I Foro Territorios patrimonio, para contribuír á promoción da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.
Sensibilización medioambiental
Oespazo FEST Galicia albergará o sábado 20 un punto informativo de Medio Ambiente, no que persoal especializado lles transmitirá aos asistentes a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente. Neste sentido, elaborouse un Manual de eventos sustentablesno que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: fomento do uso do transporte público e compartido, consumo de produtos alimenticios locais, ecolóxicos e de comercio xusto, e optimización do uso de auga e enerxía, reducindo o consumo eléctrico e promovendo a utilización de enerxías alternativas.Por outra banda e en colaboración coas entidades xestoras da recollida de residuos, organizarase o servizo de contedores para a separación de residuos durante as datas de celebración do festival.
Igualdade
O ámbito da igualdade centra tamén varias das accións desta segunda temporada FEST Galicia, que apoia tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos equipos de traballo, ademais de accións en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade dentro da na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. No 17º Ribeira Sacra, persoal formado neste ámbito difundirá o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber para informar sobre como actuar en caso de agresións, ao tempo que se instalarán tótems coas mensaxes da campaña. Ademais, o venres 19 desenvolverase o obradoiro Machismos Off, no que as persoas asistentes terán que identificar conductas machistas que asumimos como habituais e visibilizalas nunha pizarra como primeiro paso para loitar contra elas. Tamén poderán comentalas a través das súas redes sociais cos hashtag #MachismosOFF e #FestGalicia2019.
Galego e xuventude
O usoda lingua é outro dos ámbitos no que FEST Galicia segue a traballar nesta edición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obxectivo é convidar a xuventude a se relacionar de xeito responsable co medio e a facelo en galego. O venres 19 o comunicador Víctor Grande animará a mocidade a que achegue as súas ideas sobre actuacións de dinamización do uso da lingua galega. Realizarase tamén o concurso Pasa a palabra no que ademais de divertirse e adiviñar verbas en galego, os mozos e mozas participantes terán oportunidade de facerse con sombreiros e bolsas, ademais de optaren a unha bicicleta eléctrica, que se sorteará entre todas as persoas gañadoras de cadanseu festival ao final da temporada.
O sábado desenvolveranse outras accións dirixidas á mocidade, entre elas unha actividade lúdico-formativa na que se farán preguntas sobre Galicia en diferentes disciplinas marcadas nunha ruleta. A medida que as persoas participantes vaian acertando preguntas conseguirán diferentes premios como pulseiras, camisetas ou bolsas de tea. O persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil será o encargado de desenvolver este xogo, ao tempo que ofrecerá información sobre os diferentes programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Estudo de impacto
Ademais, FEST Galicia desenvolverá en 17º Ribeira Sacra un estudo a través de enquisas ao público, co fin de obter datos sobre o retorno directo, indirecto e inducido do festival no seu territorio. As medicións serán realizadas por un equipo consultor integrado por especialistas do ámbito universitario e terán como resultado un informe de avaliación, que servirá como punto de partida para traballar sobre medidas que redunden nos valores que a marca promove. O ano pasado leváronse a cabo os do Resurrection Fest, PortAmértica, Sinsal, SonRías Baixas e Revenidas, aos que este ano se engaden, ademais do de Ribeira Sacra, os de Atlantic Fest, Vive Nigrán, Festival de la Luz, Wos Festival e Caudal Fest.