David Lynch, Frans van de Staak e Albertina Carri protagonizan o mes de abril na Filmoteca de Galicia
A nova carteleira da cinemateca da Xunta arranca mañá martes coa primeira entrega dunha completa retrospectiva dedicada ao realizador estadounidense, falecido en xaneiro
A singular obra do cineasta experimental holandés Frans van de Staak é obxecto dun ciclo organizado en colaboración do Festival Punto de Vista de Pamplona e o Eye Film Museum dos Países Baixos
A directora arxentina Albertina Carri participará o 15 de abril nun dos encontros do ciclo ‘Close-Up. Cine e perspectiva de xénero’

A Filmoteca de Galicia encara abril cunha ampla renovación da súa carteleira mensual, no marco da que pon en marcha tres novos ciclos dedicados a David Lynch, Frans van de Staak e Albertina Carri.
Co primeiro deles, a cinemateca da Xunta réndelle homenaxe ao cineasta estadounidense David Lynch, falecido o pasado mes xaneiro. Esta completa retrospectiva da obra dun dos grandes renovadores da linguaxe cinematográfica do último medio século dá comezo mañá mesmo na sala José Sellier da Coruña e estenderase ata mediados de maio para recuperar todas as súas longametraxes, así como unha escolma das súas curtas máis representativas.
A primeira das sesións será precisamente a conformada polas curtas Six Men Getting Sick, The Alphabet, The Grandmother, The Amputee e Lumière y compañía, que poderán verse tamén o venres 4, mentres que o mércores 2 proxectarase a súa primeira longa, Cabeza borradora, na que xa se aprecia o gusto de Lynch polos universos sobrenaturais en convivencia co cotián, que van definir boa parte da súa filmografía.
Ademais de Cabeza borradora, que tamén terá un segundo pase o vindeiro venres, o público terá a oportunidade de volver ver en pantalla grande títulos como El hombre elefante (días 8 e 9), Twin Peaks: fuego camina conmigo (días 10 e 11), Carretera perdida (días 16 e 22), Una historia verdadera (días 23 e 24), Mulholland Drive (días 25 e 26) e Terciopelo azul (días 29 e 30).
Presentación de Manuel Asín
Frans van de Staak: la palabra en archipiélago é o segundo dos ciclos programados para abril, neste caso en colaboración co Festival Internacional de Cine Documental de Navarra Punto de Vista, o Eye Film Museum e a Embaixada dos Países Baixos en España. Manuel Asín, director do certame pamplonés, estará na sede da Filmoteca de Galicia o vindeiro xoves 3 para presentar o foco dedicado a un dos máis singulares cineastas da escena experimental holandesa que, a pesar da admiración que espertou en determinados círculos artísticos, continúa a ser un gran descoñecido a nivel internacional.
Este achegamento á súa filmografía, baixo o comisariado do propio Asín e de Carlos Saldaña, condénsase en seis sesións que recollen 11 longas e curtametraxes agrupadas segundo a súa relación temática ou cronolóxica.
Xa a mediados de abril, comeza na sala José Sellier o ciclo Albertina Carri: Territorios mutantes e cartografías queer, que presenta en Galicia boa parte dos traballos desta cineasta arxentina, unha das autoras máis irreverentes e a contracorrente do seu país. Este especial entronca, ademais, co programa Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, que a Filmoteca de Galicia desenvolve desde o pasado mes de outubro e no marco do que o 15 de abril Albertina Carri manterá un encontro co público para falar sobre a súa traxectoria e presentar a súa última película, ¡Caigan las rosas blancas!, seleccionada no Festival de Rotterdam e que supón a súa primeira estrea oficial en España.
Ademais, os días 11 e 16 de abril poderá verse a longametraxe coa que deu o salto ao panorama internacional: Los rubios, un ensaio autobiográfico que parte do seu trauma como filla de desaparecidos da ditadura militar para realizar un complexo retrato xeracional. A memoria histórica e a súa militancia queer son os temas centrais polos que transita a súa obra e que aparecen reflectidos tamén en varios dos filmes que se poderán ver na Coruña: Géminis (día 22), Las hijas del fuego (día 24) e Cuatreros (día 30).
Pablo Gil Retuerto, Jonas Mekas, Fritz Lang e Off Galicia
Fóra de serie, unha das seccións habituais da Filmoteca, ofrece mañá e o mércores o documental La marsellesa de los borrachos, de Pablo Gil Retuerto, que na súa primeira sesión será introducido polo cineasta galego Marcos Flórez, quen asina a montaxe deste traballo. Ademais, a cinemateca da Xunta acolle o mércores 23 a presentación do Caderno FICBUEU#5, dedicado a Jonas Mekas, coa participación da súa autora, Nieves Febrer, seguida da proxección dunha selección de curtas do cineasta.
A carteleira de abril complétase con novas entregas de Filmoteca Jr., dentro da que o día 12 se proxectará o clásico de Fritz Lang Los contrabandistas de Moonfleet, e Off Galicia, que, o día 29, ofrece o documental Terciopelo azul . Este filme de Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso reivindica desde unha óptica feminista o papel fundamental das mulleres na preservación da poesía, o canto e a cultura popular de Galicia.
Fotogramas, por orde de lectura:
- Mulholland Drive (David Lynch, 2001)
- De onvoltooide tulp (Frans van de Staak, 1980)
- ¡Caigan las rosas blancas! (Albertina Carri, 2025)
- Cabeza borradora (David Lynch, 1976)
- La marsellesa de los borrachos (Pablo Gil Retuerto, 2024)
- Terciopelo azul (David Lynch, 1986)
- El hombre elefante (David Lynch, 1980)
- Twin Peaks: fuego camina conmigo (David Lynch, 1992)
- Los rubios (Albertina Carri, 2003)
- Lévame a idea (Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso, 2025)