A compostelá praza da Quintana acolle a estrea española do filme de Lois Patiño ‘Ariel’, producido con subvención da Xunta
Filmika Galaika contou cunha achega de preto de 260.000 euros para a produción desta película a través do programa de axudas ao audiovisual galego da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Tras a súa estrea no festival de Róterdam, pasou xa por Cartaxena de Indias, Bos Aires ou o IndieLisboa

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou esta noite o cineasta vigués Lois Patiño e o resto do equipo da súa nova película, Ariel, no pase especial que tivo lugar na praza da Quintana, en Santiago de Compostela, como estrea española deste filme co que se inaugurou, ademais, o festival Curtocircuíto. A compañía Filmika Galaika está á fronte desta coprodución galego-portuguesa, para a que contou cunha subvención da Xunta de Galicia de preto de 260.000 euros a través da liña destinada á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos dentro do programa integral de axudas ao sector.
Así o destacou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na súa intervención, no transcurso da que felicitou o director por este novo traballo e ao Curtocircuíto por elixilo para a apertura desta 22ª edición nun espazo tan emblemático como a Quintana, reforzando así a viaxe sensorial que propón a película.
Ao respecto de Patiño, Sutil incidiu na súa traxectoria internacional, que –como no caso de Ariel– se ve referendada polas súas numerosas seleccións e recoñecementos en certames de todo o mundo. De feito, a súa nova película estréase en España despois do seu paso por festivais como o Festival Internacional de Cine de Róterdam, o Festival Internacional de Cine de Cartaxena de Indias, o Bos Aires Festival Internacional de Cine Independente ou o IndieLisboa.
Proxección e recoñecemento do talento galego
Para o responsable de Industrias Culturais, Lois Patiño é un dos referentes da gran proxección e recoñecemento do talento galego, xunto a nomes como Oliver Laxe ou Jaione Camborda, entre moitos outros. Neste sentido, a evolución e repercusión da súa traxectoria viuse impulsada desde os seus inicios co apoio da Xunta a través das diferentes liñas de subvencións ao audiovisual galego, comezando polas axudas para escrita de guións e realización de curtas dirixidas á creación emerxente ata as de produción de longametraxes, como a que obtivo Ariel, pasando polas de desenvolvemento de proxectos ou a de promoción en festivais internacionais.
Patiño volve formar tándem co cineasta hispano-arxentino Matías Piñeiro, que neste caso asina xunto a el o guión nunha nova exploración do universo shakespeariano, que xa abordaran na súa curta Sycorax. A apertura á experimentación é a combinación de diferentes estilos e estéticas que caracteriza o cinema do autor vigués está de novo moi presente en Ariel, cunha mestura moi persoal de poesía visual, exploración do tempo e o espazo e un enfoque case místico da relación entre o ser humano e a natureza.
En concreto, este novo traballo propón unha reflexión sobre o concepto da liberdade desde medo, a aventura e a dúbida a partir da viaxe da actriz arxentina Agustina Muñoz para representar A tempestade, de William Shakespeare, nas illas Azores. Xunto a ela, protagonizan a fita Irene Escolar e Marta Pazos, José Díaz e Hugo Torres como integrantes da que fora a compañía teatral galega Voadora.
- Fotografías 1, 2 e 3, Aigi Boga
- Fotografía 4, Pixelin Photo