Share

O Centro Dramático Galego convoca a selección de 22 intérpretes para a súa temporada 2024-2025

Publícanse na nosa web as bases deste proceso para definir os elencos das dúas próximas producións propias da unidade teatral da Xunta, cos títulos provisionais de ‘Mesiña, ponte!’ e ‘Countdown’

Lorena Conde e Pablo Reboleiro dirixirán estas dúas novas propostas, que comezarán ensaios en novembro e decembro deste ano e verán a luz xa en 2025

O Centro Dramático Galego acaba de abrir a convocatoria dun novo proceso de selección no que se elixirán 22 intérpretes para configurar os elencos das dúas producións propias da súa temporada 2024-2025. Lorena Conde e Pablo Reboleiro dirixirán estas novas propostas baixo os títulos provisionais de Mesiña, ponte! e Countdown, respectivamente, que iniciarán ensaios en novembro e decembro deste ano cara á súa estrea en 2025.

Das 22 prazas convocadas, 15 corresponden a Mesiña, ponte!, a partir dun texto da propia Lorena Conde, que poderá verse en escena a partir do mes de marzo. Trátase dunha fábula arredor dunha familia obreira galega nos anos noventa do século pasado, a través da que se aborda como, en moitas ocasións, o traballo fabril acabou por invadir as vivendas e mesmo as vidas das familias.

Lorena Conde conta cunha traxectoria de máis de 15 anos como dramaturga e directora teatral, facetas que compaxina coas de actriz, artista plástica, narradora e poeta, entre outras. É cofundadora das compañías galegas Matrioshka e A Feroz, e no eidos das artes aplicadas e a ilustración, desenvolve un labor de experimentación no seu taller, A Maranha.

A segunda das producións propias da nova temporada da unidade teatral da Xunta, Countdown, construirase a partir dos textos de Clara Gayo e Pablo Reboleiro, con dirección deste último e sete intérpretes en escena. Neste caso, a estrea está prevista para o mes de setembro do próximo ano.

Circo para a reflexión

A montaxe concibirase como un trepidante espectáculo multidisciplinar, no que o circo levará a batuta, para abordar unha reflexión sobre o momento actual marcado pola emerxencia medioambiental e climática, o esgotamento das reservas enerxéticas, a crise e desaceleración económica e financeira, a tensión internacional ou o auxe dos extremismos.

Cóntase para este proxecto co artista multidisplinar Pablo Reboleiro, cofundador de Pistacatro e creador e director de numerosos espectáculos cos que ten xirado por diferentes países e nos que propón una mestura de circo, danza e teatro, sempre dende a base cómica e humana do pallaso.

O prazo de solicitude para participar neste proceso do Centro Dramático Galego dará comezo mañá e permanecerá aberto ata o venres 27 de setembro. En ambos os casos, buscarase a creación coral en escena a partir dos textos propostos e valorarase a versatilidade interpretativa das persoas candidatas. Ademais, o elenco de Mesiña, ponte!  debe representar un amplo rango de idades e seleccionaranse tamén algúns perfís transdisciplinares, con coñecemento e experiencia creativa en ámbitos como a música ou a danza. Para Countdown, prestarase especial atención ao traballo xestual, de movemento e nas disciplinas circenses.