Aprobado un investimento de 150.000 euros en axudas para novos videoxogos galegos
O Consello dá luz verde ás bases dunha nova convocatoria para este sector, a través da que cada proxecto subvencionado contará con ata 25.000 euros para as diferentes fases que van da creación á chegada ao mercado
Búscase promover a xeración de contidos galegos e en galego, e favorecer a profesionalización e a creación de emprego neste ámbito, con especial énfase na incorporación de mulleres aos equipos
O Consello da Xunta aprobou unha nova convocatoria de subvencións para o desenvolvemento do sector dos videoxogos, que contará con 150.000 euros para cofinanciar novos proxectos neste ámbito. Con este investimento, búscase promover a xeración de contidos galegos e en galego, así como favorecer a profesionalización e a creación de emprego por parte das empresas galegas neste ámbito.
Con tal fin, as contías concedidas destinaranse ás diferentes fases do proceso vinculado á chegada ao mercado de novos videoxogos de selo galego, desde a súa creación e desenvolvemento, ata a produción, edición, distribución e comercialización. As bases establecen unha axuda máxima de 25.000 euros por proxecto, cunha intensidade de ata o 75% do orzamento subvencionable, de xeito que poidan apoiarse, como mínimo, seis novos títulos.
Trátase da primeira vez que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, xestiona estas subvencións con fondos propios, tras a convocatoria publicada en 2022 ao abeiro do Hub Audiovisal Industria Cultural Galega e financiada cos fondos Feder dentro do eixo React-UE. A partir do diálogo co sector, as bases para 2025 introducen unha serie de modificacións tanto nos criterios de adxudicación como de xustificación para unha mellor adaptación desta liña de apoio á tipoloxía da maioría das empresas galegas do sector.
Criterios de valoración
Para a concesión destas axudas, en réxime de concorrencia competitiva, valorarase unha serie de criterios automáticos e técnicos, de acordo cos cales se puntuará o interese cultural dos proxectos, a súa contribución á promoción do idioma galego e a súa capacidade de creación de emprego, con especial atención á incorporación das mulleres aos equipos, así como á diversidade do público a que se dirixen.
Terase en conta, así mesmo, o carácter innovador e o valor engadido das propostas, a súa capacidade para xerar sinerxías con outros sectores, a súa viabilidade técnica e económica ou a incorporación de ferramentas de avaliación dos seus resultados, entre outros aspectos.
Este novo investimento no desenvolvemento de videoxogos responde ao gran potencial creativo e tecnolóxico do sector en Galicia, coa finalidade de contribuír ao seu actual proceso de vertebración para incrementar a súa base e capacidade empresarial, así como para lograr unha maior proxección social do seu traballo a través de propostas de calidade e competitivas no mercado global.