Aprobado o novo convenio con Residencias Paraíso para impulsar a investigación e a creación na danza e as artes vivas
O Consello autoriza a sinatura do convenio co colectivo RPM, a través do cal financia con 30.000 euros a novena edición destas estadías artísticas
O programa, para o cal se seleccionarán un maximo de oito proxectos tanto galegos como do resto de España e Portugal, desenvolverase entre os meses de abril e novembro noutras tantas localidades das catro provincias

O Consello da Xunta autorizou a renovación do convenio anual coa asociación cultural colectivo RPM para o financiamento da novena edición de Residencias Paraiso, programa de estadías artisticas dirixido a impulsar a investigación e a creación na danza e as artes vivas, do cal a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude se mantén como principal entidade colaboradora desde a súa posta en marcha en 2017.
Ademais da dotacion de 30.000 euros consignada neste documento, o Goberno galego tamén achega diferentes espazos para o desenvolvemento desta iniciativa, de xeito que o Salón Teatro e a Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, son dúas das sedes para as estadías, mentres que a Illa de San Simón, en Redondela, acollerá do 12 ao 14 de setembro o encontro de todos os participantes no programa.
Esta novena edicion das Residencias Paraíso arrincou o pasado 17 de febreiro coa apertura do prazo de recepción de proxectos artisticos de Galicia, España e Portugal. Entre as solicitudes recibidas ata o 7 de marzo, seleccionarase un maximo de oito para avanzar en cada proposta de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas.
A organización destinará un orzamento de 20.000 euros ao conxunto das estadías, en previsión de que cada proxecto conte cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euros en función das súas caracteristicas particulares.
As estadías, que se desenvolverán entre abril e novembro deste ano, contan tamén como espazos asociados co Vello Carcere de Lugo; o Pazo da Cultura de Carballo; a Igrexa da Madalena de Ribadavia; a Casa da Cultura de Vimianzo; a Casa da Cultura de Corcubión, e o Pazo da Cultura de Narón, a través da colaboración cos respectivos concellos.
O seu financiamento por parte da Conselleria de Cultura, Lingua e Xuventude insírese nun dos obxectivos estratéxicos do Plan integral para a danza de Galicia, que establece como prioritario o incremento e a diversificacion dos programas de residencias artísticas en Galicia. Nesta mesma liña, mantéñense vías de colaboración con outras iniciativas que facilitan este tipo de estadías, como Atopémonos bailando, A Casa Vella, festival Abanea ou Da man.
- Foto: Rubén Vilanova (Encontro Paraíso en San Simón 2024)