A 23ª edición de ‘Mundos Digitales’ explorará os límites da tecnoloxía na creación dixital
Preto de 70 profesionais de referencia nacional e internacional compartirán durante tres días os proxectos máis relevantes do sector, as tecnoloxías máis innovadoras e as futuras formas de producir e crear contidos dixitais interactivos
As xuntanzas de negocios e a feira de emprego abren oportunidades para a contratación de diversos perfís profesionais de cara ás súas vindeiras producións
O prestixioso director Tim Miller, responsable de producións como ‘Deadpool’, ‘Terminator’ ou ‘Dark Fate’ será galardoado co Premio Especial desta edición

O congreso Mundos Digitales abordará os desafíos da produción virtual nos sectores da animación, os videoxogos, os efectos visuais e os novos media na súa 23ª edición, que se celebrará na Coruña entre o 3 e o 5 de xullo. A Xunta de Galicia contribúe economicamente á organización deste evento de carácter global, que inclúe no seu programa presentacións, proxeccións e certames, ao tempo que estimula o intercambio profesional ao promover xuntanzas de negocios e unha feira de emprego na que empresas internacionais procurarán perfís profesionais para as súas próximas producións.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, referiuse á relevancia de todos estes aspectos hoxe no plató virtual da Cidade das TIC da Coruña durante a presentación da vindeira edición do encontro. Xunto ao seu director, Manuel Meijide, e representantes doutras institucións patrocinadoras debulláronse os tres días de intensa actividade nos que preto de 70 referentes nacionais e internacionais presentarán proxectos relevantes para o sector, tecnoloxías innovadoras e futuras formas de producir e crear contidos dixitais interactivos.
Galicia no cumio da modernidade
Na súa intervención, Sutil definiu Mundos Digitales como “un foro que, xa pola súa traxectoria como referente no intercambio de coñecementos do sector, sitúa Galicia no cumio da modernidade neste apartado tan específico da creación audiovisual’ e destacou, ademais, que nel os profesionais galegos “non son meros espectadores, senón protagonistas de moitas das actividades programadas”. Neste sentido, referiuse en concreto ás dúas conferencias que contan co patrocinio específico da Xunta, como son as que correrán a cargo da deseñadora de videoxogos Cristina García Aradas, formada en Galicia e actualmente traballando para a británica Merge Games, que fará un relatorio sobre o deseño de niveis nos videoxogos; e da directora de fotografía Noelia Muíño, guionista, directora e produtora en Inverno Films, que falará da procura de financiamento nos primeiros estadios dun proxecto a través de casos reais.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou tamén concordancia de Mundos Digitales cos obxectivos da política integral de apoio ao sector audiovisual levada a cabo polo Goberno galego e que este ano canalizará 6,84 M€ en axudas directas mediante nove liñas de subvención. Así mesmo, aproveitou a oportunidade para lembrar que, hoxe mesmo, o Diario Oficial de Galicia publica as bases dunha das máis importantes destas convocatorias: a destinada a incentivar a realización de rodaxes no noso territorio, cunha dotación de 2,2 M€ a través dos fondos FEDER da Unión Europea.
Presentacións de actualidade e talento galego
Coa produción virtual como eixo central desta edición, profesionais da supervisión, dirección, e responsables dos principais estudos nacionais e internacionais compartirán en Mundos Digitales as súas experiencias, proxectos e coñecementos a través de presentacións, clases maxistrais e encontros sectoriais de formato reducido. Nestes espazos abordaranse en profundidade todos os aspectos tecnolóxicos e de desenvolvemento vinculados a esta innovadora forma de rodaxe. Producións de referencia como El Eternauta, Los que van a morir, ou a nacional Parenostre conforman unha programación de primeiro nivel centrada nesta tecnoloxía que xa está totalmente incorporada á industria cinematográfica.
A animación e os efectos visuais deixarán presentacións de títulos tan esperados como Lilo & Stitch, House of the Dragon, ou unha das series do ano, Adolescence. Ademais, coincidindo co décimo aniversario de Netflix en España, o equipo completo de Efectos Visuais e Produción Virtual da plataforma participará contará a súa experiencia co sector nacional, compartindo os seus procesos de produción de contidos audiovisuais.
Nos paneis atopamos outras referencias galegas, como Alba Meijide, secretaria xeral de Mundos Digitales, que estará presente nunha palestra arredor da evolución da IA na industria dos efectos dixitais e que tamén integrará o grupo promotor da presentación da asociación AI Assemble, impulsada para deseñar e difundir unha estratexia que consiga aplicar a Intelixencia Artificial a nivel técnico, tecnolóxico, ético e xurídico, especialmente no ámbito das industrias creativas dixitais. Tamén a avogada Verónica Buíde, fundadora e CEO da consultora audiovisual con base na Coruña Pulpa Rignts, protagonizará unha das sesións Coffee with... de encontros máis informais.
O programa complétase co Festival Internacional de Curtametraxes de Animación, unha feira de emprego e a entrega do Premio Especial desta edición ao prestixioso director Tim Miller, responsable de producións como Deadpool, Terminator: Dark Fate, das antoloxías Love, Dead & Robots ou a recentemente estreada Secret Level.