Share

A 16ª edición do Festival Curtocircuíto xuntará grandes nomes do cinema con novas figuras

É un dos dez eventos que reciben apoio en 2019 a través da liña de axudas autonómicas a mostras audiovisuais da Consellería de Cultura e Turismo

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación do evento que se desenvolverá do 28 de setembro ao 6 de outubro

A 16ª edición do Festival Curtocircuíto xuntará grandes nomes do cinema con novas figuras

O Festival Internacional de Cine Curtocircuíto detallou hoxe a programación coa que celebrará o seu décimo sexto aniversario do 28 de setembro ao 6 de outubro en Santiago e reforzará a súa aposta polo cinema de Galicia. A Xunta volve apoiar este certame promovido polo Concello compostelán, neste caso a través da convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura e Turismo a festivais audiovisuais.
Durante a presentación do festival, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, explicou que o Curtocircuíto resultou adxudicatario de máis de 26.000 euros e forma parte da listaxe dos 10 eventos audiovisuais subvencionados en 2019 mediante esta liña de axudas autonómicas.
 
Máis de 15 anos despois da súa primeira edición, Curtocircuíto continúa a renovarse e a medrar como unha das citas indispensables do panorama cultural galego. Cunha exemplar traxectoria como plataforma para a difusión da produción audiovisual no ámbito das curtas, o festival está a demostrar a súa capacidade para ser un evento no que teñen cabida disciplinas distintas ás audiovisuais e tamén diferentes públicos. Ademais, aposta por traer a Galicia grandes nomes ao lado de novas figuras do cinema e postúlase como un espazo para o encontro e o intercambio entre creadores e demais profesionais do sector.
 
Programación 2019
O festival contará con presenzas destacadas como as de Peter Tsherakassky, unha das grandes figuras do cinema de vangarda; con Joan Fontcuberta, fotógrafo que ademais ofrecerá unha masterclass; Laura Huertas, dentro da sección Púlsar, e Nacho Alonso na sección Terra.
 
A xa habitual sección competitiva GZ, volverá reflectir a riqueza e variedade do cinema galego actual, neste caso da man de Álvaro Gago, Adrián Canoura, Anxos Fazáns, Lucía Estévez, Álvaro F. Pulpeiro, Carlos Martínez-Peñalver, Borja Santomé, Brandán Cerviño, Dani Viqueira Santos Díaz e Judith Adataberna.
 
GZ é un dos catro apartados competitivos do festival, que se suma a Radar, do que destaca a súa heteroxeneidade de filmes; Explora, que ofrece unha variada selección de títulos que apostan pola creación de novas realidades visuais, e Penínsulas, con filmes españois da temporada.
 
O evento tamén contará con seccións paralelas como Supernova, que acolle o traballo de cineastas cunha traxectoria incipiente; e Curmaos, que reforza o compromiso co cinema e a cultura portuguesa. Ademais, haberá sesións especiais como a preestrea do filme O que arde, de Oliver Laxe, unha homenaxe a Euloxio R. Ruibal e o Equipo Lupa e a Kevin B. Lee, así como a Carole Roussopoulos.
 
O festival continúa afondando no carácter interdisciplinar do cinema e contará con performances, concertos e live A/V do compositor e produtor inglés Vessel xunto ao cineasta portugués Pedro Maia.

-Web do festival Curtocircuíto