Share

Meet Them! no Festival de Cine de San Sebastián: inscrición na delegación galega

Por segundo ano consecutivo, a Axencia Galega das Industrias Culturais promove a participación dunha delegación do audiovisual galego na actividade Meet Them! do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, dirixida ás novas produtoras e produtores que se están a incorporar ao negocio audiovisual.

As persoas participantes terán a oportunidade de ampliar a súa rede de contactos e de coñecer o festival de primeira man, ademais de se beneficiar da visibilidade que proporciona o apartado Industria Online na web oficial do SSIFF. Poderán acceder, así mesmo, ás actividades profesionais e aos espazos de networking que se desenvolven tanto no Industry Club como no Museo San Telmo, sede do Foro de Coprodución.

Neste último espazo, organizarase un encontro entre as diferentes delegacións do Meet Them! o luns 25 de setembro, de 17.00 a 19.00 horas, para facilitar e mellorar a experiencia no foro, que se desenvolverá do 25 ao 27 de setembro.

Con tal motivo, facemos un chamamento para formar parte da delegación galega ás produtoras e produtores emerxentes, que non teñan realizado máis de dúas longametraxes calificadas para exhibición comercial.

O prazo de confirmación de asistencia manterase aberto ata o 17 de agosto a través do mail audiovisual.agadic [at] xunta.gal. As prazas son limitadas, adxudicándose por orde de inscrición e priorizando aqueles/as profesionais que asistan por primeira vez ao SSIFF

Ademais das acreditacións gratuítas que ofrece o festival para participar no Industry Club, a Axencia Galega das Industrias Culturais mantén aberta a convocatoria de subvencións para asistir aos máis destacados mercados profesionais do sector, entre os que se inclúe o deste certame.