Programa integral de formación e emprendemento en danza e artes do movemento

Programa integral de formación e emprendemento en danza e artes do movemento

En 2025 ponse en marcha o primeiro programa galego de emprendemento e formación en danza e artes do movemento, deseñado e organizado conxuntamente pola Xunta de Galicia, a Fundación Paideia Galiza e a Fundación EOI (Escola de Organización Industrial) co obxectivo de impulsar o talento e a profesionalización neste sector.

 

Esta iniciativa pioneira no ámbito da promoción e impulso da danza e das artes do movemento aborda de xeito completo e integral a capacitación, o emprendemento e a detección de talento neste ámbito. O obxectivo é contribuír a consolidar e profesionalizar artistas e proxectos emerxentes, a través de dúas vías paralelas e complementarias:

  • Programa de formación especializada Emprendemento para artistas da danza e as artes do movemento, que se desenvolve ata primeiros de xullo de 2025 no Centro Coreográfico Galego e en Estudios Mans, na Coruña, e para o que se conta tamén co finaciamento do Fondo Social Europeo Plus. A prioridade é definir o plan de viabilidade e desenvolver profesionalmente a vintena de proxectos seleccionados, facendo fincapé nas fases de xestión, produción, promoción, distribución,  financiamento e mediación. Para tal fin e xunto a destacados profesionais nacionais e internacionais, afondarase en aspectos que teñen que ver coa produción, mediación, plan económico, propiedade intelectual, márketing e comunicación, ademais dunha experiencia de cocreación.
  •  Ciclo de conversas Entre formas e palabras, que terá lugar en cinco localidades galegas entre maio e outubro de 2025 coas seguintes sesións de inscrición gratuíta:
    • As novas linguaxes nas artes do movemento: 13 de maio na sede da Fundación Paideia Galiza na Coruña.
    • A arte de narrar o movemento: 26 de xuño na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
    • Tecendo redes: 2 de agosto 2025 no Festival Danza no Claustro, en Xunqueira de Espadanedo.
    • Danza sen fronteiras: un diálogo entre estilos: 18 de setembro no Conservatorio Profesional de Danza de Lugo
    • Da idea ao escenario: creación: 3 de outubro no Festival 6coreógrafas, na Estrada.
    • A danza no ollar do cine:  24 de outubro na Filmoteca de Galicia, na Coruña.
Share