Premio Solidarios do Grupo Social ONCE Galicia para o Centro Dramático Galego
O Centro Dramático Galego vén de ser recoñecido cun dos Premios Solidarios Grupo Social ONCE Galicia 2025, que se lle outorga na categoría de entidade da Administración Pública pola súa traxectoria e pola súa "constancia para lograr a accesibilidade dos seus espectáculos, creando un sistema pioneiro que permite a interpretación en lingua de signos e a audiodescrición".
Os Solidarios son a máxima distinción que concede o Grupo Social ONCE a nivel autonómico e o seu obxectivo é recoñecer tanto persoas físicas como xurídicas que destaquen polo seu labor solidario no seu ámbito de influencia.
A compañía pública de teatro da Xunta comparte esta nova edición dos galardóns con Ibrahima Diack e Magatte N'Diaye na categoría de "persoa física", os dous senegaleses que trataron de interceder pola vida de Samuel Luiz, asasinado na Coruña en 2021; Proxecto Home no apartado de Institución, Organización, Entidade ou ONG; a reportaxe de La Voz de Galicia asinada por Ana F. Cuba baixo o título Los campeones de Ortigueira hacen teatro: El País de las Maravillas en Programa, Artigo ou Proxecto de Comunicación; e Arroupa-Moda Re, proxecto promovido por Cáritas, en Empresa.
Gala de entrega o 5 de xuño
Estes recoñecementos entregaranse o vindeiro 5 de xuño, no transcurso dunha Gala que se celebrará no Teatro Colón da Coruña.
O xurado dos Premios Solidarios Grupo Social ONCE Galicia 2025 estivo formado por Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia; Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE en Galicia; Cristina Arias Serna, conselleira xeral da ONCE; Arturo Parrado Puente, director xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia; María Alonso, presidenta de FAXPG; Marcos Gomez Paz Roñó, secretario autonómico da Cruz Vermella; e o xornalista Carlos Varela Castiñeiras.