Sophie non é o meu nome de guerra
Espectáculo teatral a cargo de Redrum Teatro

A de Sophie é unha historia inspirada en feitos reais, pero é algo máis que a historia dunha persoa migrante. A viaxe de Sophie é unha viaxe polo desexo, pola dignidade, pola consciencia da riqueza das culturas populares de África, polo documento teatralizado da violación e da trata de mulleres, das políticas migratorias burocratizadas de Europa e polas relacións familiares fiadas por silencios, medos e angueiras dunha vida plena e sincera. Sophie é unha muller que ama e quere ser amada, divertida e vital, ambigua e perigosa.
Sophie é un espectáculo de teatro contemporáneo a partir do texto teatral homónimo de Roberto Pascual, gañador do Premio Rafael Dieste 2021, da Deputación da Coruña.
A viaxe de Sophie está baseada nunha historia real, ou quizáis en moitas. A pasaxe vólvese moi custosa cando o exilio é unha cuestión de supervivencia.
Camiñaremos coa protagonista a través da súa travesía vital e no mapa, desde Yaoundé, capital de Camerún, ata A Coruña. Unha viaxe pola riqueza da cultura popular de África, pola burocracia das políticas migratorias e pola escravitude sexual.