Sonemerxente: Relatos, encontros e imaxes
Acto de peche da primeira edición da aceleradora de proxectos musicais

Relatos, encontros e imaxes é o título do evento que pechará a primeira edición da aceleradora musical Sonemerxente, posta en marcha pola Xunta de Galicia baixo a xestión da Fundación Paideia. As 10 bandas e artistas integrantes do programa compartirán cos asistentes os principais fitos desta experiencia, no marco da que tiveron a oportunidade de traballar no impulso das súas carreiras man a man con primeiras figuras da industria musical, ademais de ofrecer unha trintena de actuacións en diferentes festivais e citas culturais de toda Galicia.
O compositor e músico Carlos Pereiro (Carlangas) será o mestre de cerimonias neste encontro, no que entrevistará a cada un dos participantes neste primeiro Sonemerxente: Adrian Timms, Ani Baires, De Ninghures, Helena Egea, Hydn, Law, Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio e Zeltia Irevire.
O evento inclúe a proxección de videoclips e dun documental que narra a súa participación na aceleradora, ademais dunha mesa profesional na que intervirán a avogada especializada en dereito audiovisual e propiedade intelectual Lucía Sánchez; Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), e a música Pamela Rodríguez.
- Entrada libre, previa confirmación neste enlace.