Rosa Cedrón
30 anos de música galega
No marco da xira 30 aniversario, Rosa Cedrón presenta un concerto en formato trío, acompañada por Javier Cedrón (violín) e Juanjo Fernández (piano). A proposta percorre as diferentes etapas da súa traxectoria artística, combinando as cancións que xa forman parte da memoria colectiva con composicións propias máis íntimas, nun formato próximo, coidado e de gran intensidade emocional.
Ao longo de tres décadas, Rosa Cedrón levou a música galega por escenarios de todo o mundo, combinando a forza da tradición coa emoción da voz e do violonchelo. Dende a súa inesquecible etapa como voz de Luar na Lubre ata a súa consolidada traxectoria en solitario, Cedrón construíu un universo propio onde a raíz e a modernidade conviven con elegancia.
Nesta xira conmemorativa, a artista celebra trinta anos de música cun repertorio que percorre a súa traxectoria vital e creativa: dende os sons que marcaron unha xeración ata as súas composicións máis íntimas, nun formato que privilexia a proximidade, a emoción e a beleza atemporal da música galega.
Rosa Cedrón é unha vocalista, violonchelista e compositora galega. Entre 1997 e 2005 formou parte da formación folk-celta Luar na Lubre, colaborou con Mike Olfield no seu Tubular Bells III e en varios directos. A súa carreira en solitario comeza coa publicación do disco "Entre dous mares" en marzo de 2007.
En novembro de 2010 presenta o álbum “Muller” coa pianista e gaiteira Cristina Pato compartindo escenario en múltiples ocasións formando o dúo Soas. En 2016 publica o seu segundo álbum en solitario “Nada que perder”. En 2019 embárcase en “Leira” coa compañía Nova Galega de Danza, explorando novos horizontes. En 2021 presenta o seu terceiro traballo discográfico “Nómade” da man do compositor de bandas sonoras Sergio Moure de Oteiza.
--
As entradas poderán adquirirse (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes, 10€):
• A través da páxina web de Giglon: www.giglon.com
• Na Papelería Folder Progreso (Rúa Progreso, 22, Vigo), en horario de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:30 h.
• O mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles)