Retrincos de Castelao
Espectáculo teatral a cargo de Artefeito

Isabel Risco e Fran Rei en Retrincos de Castelao fan un achegamento ao particular humor na obra do inmortal autor de Rianxo, figura fundamental da nosa cultura e da nosa historia.
A través dun texto de Diego Rey, no que teñen cabida cinco historias e unha ducia de debuxos dramatizados de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a obra fai un percorrido por algúns dos textos e viñetas deste intelectual, achegándonos a súa enxeñosa e fascinante forma de ver a Galiza do seu tempo, ofrécennos un mosaico composto de retrincos dunha realidade galega atemporal, que nos antecede e nos outorga raíces.
A partir da mirada de dous mortos, Pedro e Zeltia, de épocas, inquedanzas e idades moi diferentes e dun ollo de vidro que dá nova forma á realidade, poderemos ser quen de presenciar a vida dos homes e mulleres que habitaron esta terra. E grazas a ese ollo e o seu particular ollar seremos quen de comprender realmente a nosa historia e o noso presente.