Share
08/09/2026 - 19:30h | Filmoteca de Galicia | A Coruña

Resurrection

  • Bi Gan, 2025

Resurrection
Fóra de serie

Nunha sociedade futura na que a humanidade desdeñou a capacidade de soñar a cambio de vivir eternamente, uns poucos individuos con características especiais, coñecidos como ‘delirantes’, insisten en facelo, a pesar de estar perseguido pola lei. Unha dotada detective mergúllase nos soños dun destes resistentes para intentar desentrañar o misterio que os une e traer a estes rebeldes ante a xustiza.

 

Orixinalísima obra de ciencia-ficción ideada polo director de culto chinés Bi Gan (Largo viaje hacia la noche, Kaili Blues) ao longo de cinco anos, nos que ergueu un monumental labirinto cinematográfico que ten como ambición reinterpretar diversos xéneros e etapas da historia do cinema, realizando unha reflexión sobre a natureza propia do medio como contedor de memoria e ilusións que supera todo mecanismo de control ideolóxico.

Dividida en cinco capítulos que se interconectan por momentos, cada un deles está dedicado a un sentido específico, de xeito que o dispositivo cinematográfico se conduce a sublimar o tacto, a vista, o oído, o olfacto e o gusto segundo corresponda. Ao tempo, xoga con soportes e formatos, iluminación, cores ou branco e negro, sonoro e silente e diversos elementos expresivos, como os seus famosos planos secuencia, para se adecuar a cada un destes espazos de forte carácter simbólico, metonímico e metalingüístico.

Guste ou non, unha desas obras magnas, totalizadoras, excéntricas e singulares que producen seísmos e xeran culto inmediato.