Os dous de sempre. O regreso
Espectáculo teatral a cargo de Mofa e Befa
Moita xente, cando escoita a expresión “Os dous de sempre”, no primeiro que pensa é en Mofa e Befa. E a Castelao non lle parece mal. O duo cómico fundado hai trinta anos por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira son parte do fecundo río do humor galego que ten a súa fonte nos bufóns e no escarnio medievais, e ao que tamén pertence o humor de Castelao. Mofa e Befa fan parte da estirpe dos pallasos de circo, dos artistas do cinema mudo, dos canallas do cabaret. Agora decídense a encarnar dúas personaxes de papel, concibidas por un humorista gráfico: Os dous de sempre.
Pedriño e Rañolas son contraditorios, extremos, antagónicos, polarizados…mais amigos. Un é o arriscado soñador (unha forma do idealismo) e o outro é un pancista pusilánime (unha forma do materialismo). Esta oposición entre corpo e alma, entre estómago e corazón aparece noutras parellas famosas, como Quixote e Sancho Panza, en Jacques o Fatalista e o seu patrón ou Don Celidonio e o Doutor Alveiros, de Risco. Pedriño e Rañolas entran neste selecto clube, unidos a unha manchea de pallasos anónimos, artistas populares que correron as festas e romarías e que Castelao admirou con compasivo humor.
Autoría: Quico Cadaval e Carme Varela
Dirección: Quico Cadaval
Escenografía: Baltasar Patiño
Deseño sonoro: Bernardo Martínez
Deseño iluminación: Baltasar Patiño
Vestiario: Carlos Alonso
Música: Bernardo Martínez
Elenco: Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Josito Porto