A Nena Que Quería Navegar
Espectáculo de teatro a cargo de Redrum Teatro

A Nena está farta de ser o centro das mofas dos seus compañeiros, e por iso foxe da escola coa intención de non volver nunca máis. Na súa aventura topará co Xeadeiro, un ser máxico e vital, que a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións, devolveralle a autoestima perdida. Ensinaralle que dentro de cada un de nós agóchase un ser máxico, único e especial, e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de acadar todo o que nos propoñamos.
A Nena que Quería Navegar é un proxecto destinado a un público familiar, principalmente infantil de entre seis e doce anos. Nel tratamos un tema que nos preocupa e desacouga a partes iguais, e que tristemente cada pouco acapara as portadas de todos os xornais. Este tema é o acoso escolar, tamén coñecido co termo anglosaxón “bullying”. Diversos estudos afirman que máis dun 30% de alumnos e alumnas dos diferentes ciclos de ensinanza sufriron algún tipo de acoso, e entre o 5% e o 10% padeceron acoso escolar grave con consecuencias psicolóxicas para as vítimas. Son sen dúbida unhas cifras moi preocupantes.
Este é un problema social ao que non lle debemos dar as costas e do que todos e todas somos responsables. Precisamos detectalo a tempo para corrixir as accións que converten en verdugo a un rapaz e en vítima a outro. Grazas ao teatro, e grazas ao seu poder educador, podemos traballar para minorar estas cifras.
Traballar coa idea do reforzo positivo é unha das claves para previr o acoso escolar. Só un rapaz forte e cunha alta autoestima é quen de facer fronte ao acoso. Queremos que os nosos pequenos espectadores saian fortalecidos despois de asistir á representación de A Nena que Quería Navegar e teñan ferramentas para previlo.