Share
29/01/2025 - 18:00h | Salón Teatro | Santiago de Compostela

Nada se sabe

  • Coprodución do Centro Dramático Galego e Culturactiva

Nada se sabe

Dúas actrices e dous actores cuestionan sobre o escenario a inclusión e a xestión da diferenza que facemos como sociedade. A premisa da que parte Nada se sabe é un texto orixinal de Manuel Lourenzo no que se establece un diálogo coa figura clásica de Filoctetes, un heroe grego apartado na illa de Lemno a causa dunha ferida fedorenta, pero que despois será fundamental para gañar a guerra de Troia. A través desta pasaxe histórica, resignifícanse eses textos desde a diversidade, advertindo ao público e á sociedade de que Nada se Sabe sobre o que as persoas con discapacidade son, pensan, senten, queren, e da posición que desexan ocupar na vida, na sociedade e na arte.

Trátase dunha proposta inclusiva e diferencial no contexto teatral galego, polo tema e o elenco, pola delicada selección musical, pola mestura de linguaxes e por estar formulada como un reto dirixido á audiencia e como unha dúbida metódica que lle dá nome ao espectáculo.

A cargo da dirección están Ignacio García, experto en pedagoxía do teatro, e un dos directores de escena máis relevantes a nivel estatal e europeo, cunha ampla experiencia no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro e no Teatro Español de Madrid; e Fran Rei, actor cómico, autor de guións e director teatral, que nos últimos anos vén desenvolvendo un traballo constante de integración social a través do teatro con colectivos de persoas con discapacidade desde Culturactiva.

Elenco: Corina Alfonso Mañá, Rubén Bargiela Sierpes, Alba Chao García, Elvis García Torres.

Foi estreada o 26 de xullo de 2024 na 40ª Mostra de Teatro Internacional de Ribadavia.


  • No Salón Teatro ata o 9 de febreiro de 2025, con funcións de mércores a domingos, ás 18.00 h.
  • Servizos de accesibilidade:
    • Interpretación a LSE
    • Programa de lectura fácil
    • Audiodescrición: debe solicitarse no despacho de billetes media hora antes da función. As persoas que o soliciten deben levar os seus propios auriculares
    •  Visita táctil nas funcións dos sábados e domingos, ás 17.00 h
  • Coloquio co equipo artístico nas funcións dos venres, ao remate do espectáculo
  • Campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro? con servizo gratuíto de autocares á disposición dos concellos interesados.
  • Venda de entradas